[10-09-2016] A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde á adxudicación das obras de reparación das instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, que están situadas na área recreativa de Tapia. Estes traballos, que foron contratados por valor de 38.322,87 euros, serán executados pola empresa Ceta contratas, SL. Ademais, aprobouse a adxudicación das obras de mellora no camiño que une os lugares de A Garea e Calo, situados na parroquia de Agrón. Este proxecto, que está incluído no plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal obras y construcciones SL por un importe de 53.000 euros.
O goberno municipal acometerá, con cargo aos fondos concedidos dentro do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña de 2015, a obra de mellora e reparación das instalacións do club de piragüismo Ribeiras do Tambre, que están situadas na área recreativa de Tapia. A Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a adxudicación destes traballos á empresa Ceta contratas SL polo importe de 38.322,87 euros.
Estas instalacións están compostas por dúas naves, unha que funciona como almacén e outra que contén o ximnasio e o almacén. Ambas naves están unidas por unhas dependencias elevadas que acollen unha oficina e unha terraza. A memoria das obras incide en que as deficiencias na construción provocaron, co paso do tempo, a filtración da auga nos falsos teitos, desprendidos en varias partes das instalacións, e o consecuente deterioro do interior dos edificios. A madeira da terraza podreceu co paso do tempo, polo que esta xa non se pode empregar, e o portón e o pavimento exteriores tamén están deteriorados.
Mellora do camiño de A Garea a Calo
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de mellora no camiño que une os lugares de A Garea e Calo, situados na parroquia de Agrón. Este proxecto, que está incluído no plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias 2016, foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal obras y construcciones SL por un importe de 53.000 euros. A través destes traballos mellorarase o estado do firme desta vía coa conseguinte mellora da seguridade viaria nesta parroquia amesá.