Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a concesión das axudas do Fondo de Acción Social e o servizo dos programas lúdicos municipais

Xoves, 23 de xullo de 2015

[23-07-2015] Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou a concesión das axudas económicas do Fondo de Acción Social das que se son beneficiarios os traballadores/as municipais. Ademais, aprobouse a adxudicación do servizo dos programa lúdicos do Concello de Ames, así como catro licenzas de obra maior e unha licenza de segregación de parcelas.

Nesta sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local abordáronse diferentes temas de trámite como foron a aprobación de catro licenzas de obra maior para a construción de vivendas unifamiliares nas parroquias de Biduído, Bugallido, Ames e na rúa do Lodeiro, en Bertamiráns. Tamén se aprobou unha licenza para a segregación dunha parcela situada en Cantalarrana, na parroquia de Ortoño.

Por outra banda, adxudicouse o servizo dos programas lúdicos do Concello de Ames á empresa Agora Aberta. Esta adxudicación foi feita despois de que a devandita empresa presentase a mellor oferta no procedemento de licitación aberto para tal fin. O importe da oferta económica do licitador adxudicatario ascende a un prezo de 13,35 euros, máis IVE, por cada hora de traballo de cada un dos/as monitores/as e un prezo de 0,65 euros, máis IVE, por cada almorzo servido.

O prazo de duración do contrato será inicialmente por dúas tempadas (2015/2016 e 2016/2017), desenvolvéndose a tempada nos períodos vacacionais dos meses de setembro, decembro, primavera e xuño. O devandito contrato comezará a executarse no período de vacacións de setembro de 2015, coincidindo co mes de inicio do curso escolar. O contrato poderá prorrogarse anualmente de maneira expresa por tempada ata un máximo de catro tempadas.

Por último, cómpre destacar que tamén se aprobaron as achegas económicas relativas á convocatoria de 2014 do Fondo de Acción Social. Esta aprobación realizouse despois de que as solicitudes presentadas polos/as traballadores/as municipais fosen sometidas a estudo por parte da comisión paritaria de seguimento e interpretación do Fondo de Acción Social.