Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por ANPAS, asociacións culturais e para a promoción de festas populares

Xoves, 29 de xuño de 2017

[29-06-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 29 de xuño, as convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas asociacións culturais e para a promoción de festas populares (exercicio 2017) e para as actividades realizadas polas ANPAS durante o exercicio 2016. Esta última liña de axudas aprobouse despois de resolver os recursos presentados polas ANPAS á convocatoria de subvencións de 2015. Deste xeito unifícanse todas as subvencións de concorrencia competitiva e con criterios obxectivos da Concellaría de Educación e Cultura.

O goberno municipal acaba de aprobar a convocatoria de tres liñas de subvencións municipais. En primeiro lugar, despois de resolver os recursos presentados polas ANPAS á convocatoria de subvencións de 2015, aprobouse a liña de axudas para sufragar as actividades levadas a cabo polas ANPAS durante o exercicio 2016. Para este fin destínase un total de 20.000 euros. Poderán optar a estas subvencións as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas e mailo de mobiliario e material didáctico.

Para a realización de actividades por parte das asociacións culturais no exercicio 2017 destínanse un total de 40.000 euros. Poderán optar a estas subvencións as asociacións culturais ou veciñais que realicen actividades de índole cultural existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Nesta caso poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 80% do presuposto total, as actividades de índole cultural desenvolvidas polos suxeitos indicados anteriormente, así como a adquisición de material inventariable.

En terceiro lugar, aprobouse unha contía de 29.500 euros para a promoción de festas populares durante 2017. A estas axudas poderán optar as asociacións culturais existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados ao momento de solicitar a achega. Poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 50 % o presuposto total, as actividades asociadas á celebración das festas populares desenvolvidas polos suxeitos indicados.

Subvencións de concorrencia competitiva
Deste xeito, dende a Concellaría de Educación e Cultura unifícase dentro dunha mesma convocatoria as diversas liñas de axudas de concorrencia competitiva e con criterios obxectivos existentes. Asemade, dende o goberno confirman a eliminación das subvencións nominativas que se concedían en edicións anteriores. Cómpre destacar tamén que as bases das liñas de axudas ás asociacións culturais e para a realización de festas populares foron modificadas no pasado ano despois de abrir un proceso de participación no que interviron diversas asociación culturais e agrupacións de veciños/as.

No tocante a liña de axudas para as ANPAS municipais, tamén foron modificadas as bases para esta nova edición de subvencións, despois de manter diversas xuntanzas con ditas entidades. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que tal como nos comprometemos coas ANPAS modificamos varios puntos das bases no que se refire os conceptos subvencionables e incluímos novos conceptos como os de organización de encontros e xornadas, así como o de mobiliario e material didáctico. Estes conceptos foron acordados coas ANPAS e contemplan a posibilidade de subvencionar o 100% das actividades en función do volume de alumnado que ten cada centro escolar”.