- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 16 de agosto o expediente de licitación das obras da senda e pavimentación do lugar de Coira, en Biduído. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de máis de 284.000 euros (IVE incluído), e esta incluído no POS+2024.
O Concello de Ames, a través da Concellería de Obras e Servizos Básicos, avanza na execución de obras no rural para a mellora da seguridade vial. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación e mellora das sendas no lugar de Coira, na parroquia de Biduído. O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de máis de 284.000 euros (IVE incluído), está incluído no plan provincial POS+2024.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que esta “é unha actuación moi necesaria que vai en consonancia coas desenvoltas dende o inicio do mandato. Ames é un concello con dous núcleos urbanos importantes, pero non podemos esquecer ao rural, que neste primeiro ano representou un 60% do orzamento adicado a obras”.
O alcalde, Blas García, explica que esta é unha segunda licitación que vai facer posible “resolver unha débeda de anos anteriores cos veciños de Coira, que levan tempo reclamando unha obra que non se puido realizar antes debido ao incumprimento do contrato por parte da empresa adxudicataria. Con esta segunda licitación aproveitamos para incluír na obra os interiores de Coira, que inicialmente non estaban no proxecto”.
A través desta actuación pavimentarase unha senda peonil, cunha lonxitude de 530 metros e 2 metros de ancho, que conecta os lugares de Ventín e Coira. Con este fin executarase unha nova capa de rodaxe con mallazo, 10cm de zahorra e 15 de formigón. Ademais tamén se executará un muro de bloques de granito de 60 metros de lonxitude e 2 metros de alto, para contención de terras.
Previo á execución do pavimento, contémplase a canalización das redes de telefonía, baixa tensión e alumeado, facendo unha transición aérea subterránea. Este proceso implica o desmonte e retirada de postes, apertura de zanxa e a canalización de cada unha destas redes, mais a execución de arquetas e instalación de novas luminarias.
Finalmente, pavimentarase e mellorarase o firme dentro do núcleo de Coira. Así, executarase unha nova capa de rodaxe con mallazo e 15 cm de formigón, tal e como se leva facendo en distintos núcleos do rural de Ames nos últimos tempos como Gasamáns, Galiñeiro, Framil ou Cortegada.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames continúa coas obras de mellora nas súas áreas rurais"