Pestanas principais

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación das obras de senda peonil de Ventín a Coira

Venres, 12 de febreiro de 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves, 11 de febreiro, a licitación da senda peonil de Coira que se sufraga con cargo aos fondos concedidos pola Deputación provincial da Coruña a través do POS+ 2019. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 142.882,17 euros. Esta obra únese a outros dous proxectos para a creación de sendas peonís de Sisalde a Agro do Muíño e de de Outeiro a Costoia, incluídas tamén no POS+ 2019.

A través desta actuación preténdese a construción dunha senda peonil, que contará cunha lonxitude de 530 metros e 2 metros de ancho, para mellorar a seguridade viaria entre os lugares de Ventín e Coira. Ademais, preténdese executar dun muro de bloques de granito de 120 metros de lonxitude e 2 metros de alto, para contención de terras. Previo á execución do pavimento contémplase a canalización 257 metros de tubería de 315 milímetros de diámetro, a instalación no acceso ás parcelas dun total de 40 metros de caz de formigón con reixa coas súas arquetas asociadas e a colocación de 6 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais.

Ademais, preténdese a canalización de 55 metros de tubería de 630 milímetros de diámetro (10 destes metros con reforzo de formigón no cruce da estrada) e a execución de 3 arquetas con reixa. Igualmente, previo á execución do pavimento, contémplase a canalización das redes de telefonía, baixa tensión e alumeado, facendo unha transición aérea subterránea. Este proceso implica a desmontaxe e retirada de postes, apertura de zanxa e a canalización de cada unha destas redes, mais a execución de arquetas e instalación de novas luminarias.

Finalmente contémplase a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, a colocación de 60 metros de varanda metálica para protección e a adaptación de pozos de rexistro existentes á nova rasante. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 142.882,17 euros.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, recorda que “esta actuación está incluída nun plan municipal que pretende ir habilitando novas sendas peonís no concello co obxectivo de mellorar a seguridade peonil da veciñanza amesá. Ademais desta obra, no POS+ 2019 recóllese a creación de outras dúas sendas peonís: de Sisalde a Agro do Muíño e de de Outeiro a Costoia, co obxectivo de comunicar os distintos núcleos de poboación”.

Mellora do acceso ao parque empresarial do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira
Esta actuación únese a outra obra executada en 2019, tamén na contorna dos lugares de Ventín e Coira, a través da cal se mellorou o viario de acceso ao parque empresarial Novo Milladoiro dende a estrada de Ventín a Coira.

Este viario ten unha lonxitude de 370 metros e unha anchura media de 5,5 metros. A súa capa de rodaxe atopábase degradada debido ao intenso tráfico que circula en dirección ao parque empresarial desta localidade, polo que realizouse unha mellora do pavimento con aglomerado de 6 centímetros de espesor en toda a calzada. Na calzada actual tamén se corrixiu o peralte da curva do punto quilométrico 0+200 cunha cuña de aglomerado de 6 centímetros de espesor medio.

Ademais, pola marxe dereita de dito viario executouse unha cuneta de seguridade, revestida de formigón de 365 metros de lonxitude e 1,5 metros de anchura con canalización de augas pluviais. Deste xeito aumentouse a seguridade viaria, tapando a cuneta que estaba en terra e que tiña unha gran profundidade. Tamén se acondicionou, por esta mesma marxe, un sobreancho de xeito que na actualidade se alcanza unha anchura total de 6 metros (carrís de 3+3 metros) na capa de rodadura.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:"Ames aprueba la licitación de las obras de la senda de Ventín a Coira"

plano senda peonil Coira

Multimedia

  • plano xeral senda peonil Coira