- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o 18 de febreiro o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado do servizo de redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns, que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.
Nos últimos anos, o Concello de Ames está a apostar pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións, sexa en edificios como na iluminación pública, contando con auditorías enerxéticas como mellor método de avaliación das infraestruturas existentes e tamén como mellor sistema para avaliar posibles investimentos en eficiencia enerxética.
En base á auditoría enerxética da iluminación pública municipal, realizada no ano 2019, o Concello de Ames pretende realizar unha renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns (vías, sendas peonís, paseos, parques, etc) adaptándose á normativa existente e tentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade lumínica, factores de cegamento e a contaminación lumínica.
O contrato “Redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns” ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER.
Características do contrato
Tras analizar a situación actual da iluminación pública da zona de Bertamiráns (o estado físico e funcional das instalacións e os elementos integrantes das mesmas), obtense que esta é ineficiente e o seu estado non é o correcto, debido fundamentalmente, a factores de cegamento altos, elevada contaminación lumínica de alta intensidade, defectos nas conexións a terras, réximes de iluminación moi altos en varias zonas... Así mesmo, unha boa parte dos elementos que compoñen as instalacións existentes son antigos e ineficientes.
Por este motivo considérase necesaria unha reforma integral, que actualice as instalacións existentes e incremente a eficiencia enerxética das mesmas, permitindo ao concello optimizar os recursos, tanto económicos como humanos, dedicados ás mesmas.
O adxudicatario redactará un proxecto que comprenda as actuacións de mellora de eficiencia enerxética na iluminación pública de Bertamiráns, con detalle suficiente para a súa execución, de acordo ao exposto no prego de condicións técnicas e os requirimentos do Concello.
Obxectivo: dispor de instalacións eficientes
O documento describirá e definirá as obras de execución con detalle suficiente para que poidan valorarse e interpretarse inequivocamente durante a súa execución por persoas distintas ao autor/a. Así mesmo, as actuacións proxectadas deben ter como resultado, instalacións eficientes e que cumpran todos os requisitos normativos de aplicación.
A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames aprueba la renovación de la iluminación pública en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Bertamiráns renovará a iluminación pública"