[18-05-2016] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou os pregos que rexeran o proceso de contratación do programa Amessan, un servizo de realización de actividades de prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores Esta iniciativa, organizada pola concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade ten como finalidade impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames. O novo contrato, que tería unha duración máxima de catro tempadas (2016-2017; 2017-2018; 2018-2019; e 2019 e 2020), entrará en vigor no mes de outubro. O valor estimado deste novo contrato é de 156.816 euros. Increméntase nun mes a duración do programa cada tempada.
Obxectivos do programa Amessan
Os obxectivos do programa Amessan son mellorar a calidade de vida das persoas destinatarias deste programa, promocionando o exercicio físico e o coidado da saúde; posibilitar ás persoas destinatarias o incremento do seu benestar psicosocial, promovendo e realizando actividades no tempo de ocio, o seu desenvolvemento cultural, así como a participación no seu entorno e na sociedade en xeral; proporcionar un espazo de ocio creativo que fomente a integración social e a mellora e/ou mantemento das capacidades persoais das persoas destinatarias deste programa; evitar o illamento mediante a promoción da participación social; favorecer a dinamización da comunidade; e proporcionar a adquisición de coñecementos socio-sanitarios e culturais a través de charlas, talleres, etc.
As actividades desenvolvidas a través deste programa están dirixidas ás persoas empadroadas no Concello de Ames, persoas maiores de 60 anos e persoas menores de 60 anos que padezan algunha enfermidade crónica, inhabilitadora e/ou situacións análogas que conte cun informe dos servizos públicos de saúde onde se reflicta de forma clara e concisa a idoneidade da actividade e sempre que non se necesite unha persoa de apoio e poida realizar a actividade proposta dunha maneira independente. A través das diferentes actividades integradas no proxecto, lógrase ademais que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.
A través do novo contrato impartiranse os obradoiros de manualidades, música tradicional galega e memoria, así como as actividades de ximnasia terapéutica e xerontoximnasia en 11 lugares diferentes (Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte). En total, dentro deste servizo ofértanse unhas 400 prazas.
O goberno municipal acaba de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria do programa Amessan do Concello de Ames, convocando a súa licitación. Seguidamente, o anuncio de licitación do servizo será publicado no Boletín Oficial da Provincia e no perfil de contratante da páxina web municipal para que, durante un prazo de 15 días naturais os interesados poidan presentar as ofertas que estimen pertinentes. O prazo comezará a contar dende o día seguinte á publicación no BOP.
O obxecto desta contratación é o desenvolvemento do programa Amessan, que engloba un conxunto de actividades que traballan a prevención, promoción da saúde e dinamización de persoas maiores deste concello, e nalgúns casos para persoas con diversidade funcional. Trátase dun programa promovido pola concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa concellaría de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, a través da oficina de Voluntariado, por entender que a prevención, promoción da saúde e dinamización social obxecto do contrato contribúen ao benestar tanto físico como mental dos seus destinatarios.
A duración inicial do contrato é de dúas tempadas, podendo prorrogarse de maneira expresa por tempada ata un máximo de catro tempadas. Tendo en conta que a duración de cada tempada é de nove meses, desenvolvéndose o servizo dende o 1 de outubro ata o 30 de xuño dos anos 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020, o valor estimado total do contrato ascende á contía de 129.600 euros, máis 27.216 euros de IVE, resultando un importe total de 156.816 euros, representando este o límite máximo a que poderá ascender, ao longo da súa vida o gasto derivado do contrato para o Concello. O tipo de licitación máximo para estes traballos establécese no prezo/hora/actividade máximo en 24 euros (máis 21% IVE).
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Arranca el proceso de contratación de Amessan"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames aprueba el contrato del programa Amessan"