Pestanas principais

A Xunta decreta que o concello de Ames pasa a estar en nivel 3 de restricións a partir das 00.00 horas do 1 de novembro

Sábado, 31 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia vén de decretar no día de hoxe que o concello de Ames pasa a estar en nivel 3 de restricións a partir das 00.00 horas deste domingo 1 de novembro de 2020. Ás medidas decretadas onte, 30 de outubro, sobre o peche perimetral e limitacións de xuntanzas a persoas conviventes (grupos de como máximo de 5 persoas), súmanse hoxe novas restricións no ámbito da hostalería (suspéndese o servizo no interior de bares e cafeterías); sobre o deporte non federado (ao aire libre só se poderá practicar deporte entre persoas conviventes e nos centros deportivos en grupos de ata 5 persoas sexan ou non conviventes). Os parques infantís, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre seguirán pechadas e seguen suspendidas as actividades de Benestar Social e aprazadas as Escolas deportivas e culturais. Preme nesta ligazón e consulta todas as restricións de nivel 3 decretadas para o concello de Ames

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou no día de hoxe, 31 de outubro de 2020, a Orde do 30 de outubro de 2020, pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo. O obxecto desta orde é establecer medidas de prevención específicas, nos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos e terá efectos desde as 00.00 horas do 1 de novembro de 2020 e manterá a súa eficacia por un período de 14 días naturais. Preme nesta ligazón para consultar a Orde do 30 de outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria provocada pola Covid-19.

Peche perimetral de Ames
Queda restrinxida a entrada e a saída de persoas no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, entre outros. Quedan exceptuados da anterior limitación aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:

-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Restricións ás agrupacións de persoas
En Ames, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Lémbrase que nos espazos de uso público os grupos serán de ata un máximo de 5 persoas. Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Hostalaría e restauración
Nos bares e cafetarías non se poderá consumir no interior do local. Os restaurantes non poderán superar o 50% da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida. Non poderán ofrecer no interior un servizo diferente ao de comida. O consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa ou agrupacións de mesas, unicamente para prestar o servizo de comida, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo en barra e na zona da cafetería ou bar.

As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao 50% das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou no que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez. Deberán cumprir os demais requisitos establecidos polo Concello de Ames. A día hoxe, e despois de haberse decretado o estado de alarma, os clientes deberán abandonar o establecemento antes das 23.00 horas, momento no que comeza a restrición da mobilidade nocturna.

Actividades e instalacións deportivas
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor.

Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida, e deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.

Medidas adoptadas polo Concello de Ames
Por outra banda, o Concello de Ames informa de que as pistas deportivas ao aire libre, os parques infantís e os parques biosaudables de todo o concello continúan pechadas. Tamén seguen suspendidas as actividades de Benestar Social e aprazadas as Escolas deportivas e culturais.

Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar aos números de teléfono 881 07 47 30 // 662 099 944 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "José Miñones: “o avance do virus depende de cada un de nós”"

Cartel coas restricións de nivel 3 para o concello de Ames

Multimedia

  • Embedded thumbnail for