Pestanas principais

A Xunta e o Concello de Ames colaborarán na mellora do CEIP de Barouta

Mércores, 09 de agosto de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, reuniuse co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila López, no CEIP de Barouta, para que deste xeito puidese ver os problemas estruturais, que a súa vez xeran un difícil mantemento das instalacións, aos que se enfronta o centro despois de máis de 30 anos de servizo.

Trala visita do secretario solicitada polo alcalde, Blas García, a Consellería de Educación, representada polo secretario xeral, acordouse que ambas as institucións colaborarán na mellora deste colexio para abordar tanto os problemas estruturais, competencia da Xunta, como as tarefas de mantemento, que lle corresponde acometer ao Concello.

“Na actualidade o centro escolar presenta filtracións na cuberta e no illamento dos ventanais que dificultan o mantemento de todo o edificio. Por outra banda os servizos seguen igual que cando se inaugurou o centro, polo que só están preparados para as necesidades de nenos en idade de cursar a educación primaria”, declara o rexedor amesá.

García e Vila chegaron ao acordo de que será o ente autonómico o encargado de solucionar as deficiencias estruturais de cuberta e servizos, mentres que o Concello de Ames se encargará das reparacións exteriores, sobre todo as referentes á corrección de escorrentías de auga por mor do desnivel do terreo: “Este é un gran inicio para a posta a punto que necesita o centro. O Concello de Ames comprométese tamén a cumprir coa súa parte a arranxar a parte exterior do colexio”.

Pola súa banda o secretario xeral técnico da Consellería de Educación fixo fincapé no compromiso da Xunta coas instalacións educativas do Concello de Ames “con catro actuacións este verán por importe de case 3,5M€, incluíndo unha instalación fotovoltaica no IES do Milladoiro e a ampliación do colexio Agro do Muíño”. “Ademais, estamos ultimando a construción do novo colexio do Milladoiro, cun investimento de 9,7M€, tan pronto como o Concello nos poña a disposición os terreos”, cuestión abordada tamén na reunión.

Este convértese no segundo acordo, xunto ao acadado coa Dirección Xeral de Defensa do Monte para a limpeza de 30 hectáreas de faixas secundarias e 30 quilómetros de vías, ao que o Concello de Ames chega co organismo autonómico en menos de unha semana, feito que pon de manifesto a sintonía existente entre ambas administracións e a capacidade de chegar a acordos do goberno municipal: “Mentres sexa beneficioso para Ames chegaremos a acordos con calquera administración ou grupo político”, afirma Blas para finalizar: “o futuro de Ames está por enriba de calquera conflito partidista”.

O Concello de Ames xa realizou obras de carácter superficial na cuberta do CEIP de Barouta no ano 2016, que non chegaron a solucionar as profundas deficiencias froito do deterioro propio do paso dos anos, poñendo de manifesto o carácter estrutural das reparacións que, coa urxencia propia do inicio do curso escolar necesita o CEIP.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El CEIP de Barouta, en Ames, tendrá mejoras en la estructura del edificio"

El Correo Gallego: "Ames y Educación se repartirán las obras y mejoras en servicios del colegio de Barouta"

AMS GO!: "A Xunta e o Concello colaborarán para arranxar os problemas do colexio de Barouta"

Imaxe da visita ao CEIP de Barouta

Multimedia

  • Imaxe da visita ao CEIP de Barouta
  • Imaxe da visita ao CEIP de Barouta
  • Imaxe da visita ao CEIP de Barouta
  • Imaxe da visita ao CEIP de Barouta