Pestanas principais

A Xunta Local de Ames acorda crear unha comisión de coordinación para elaborar o Plan Local de Seguridade

Luns, 09 de xullo de 2012

[09-07-2012] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a celebración da Xunta Local de Seguridade, convocada co obxectivo de analizar a situación de seguridade cidadá no concello de Ames. A xunta estivo copresidida polo rexedor amiense, Santiago Amor, e polo subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán Castro. Tamén contou coa participación de membros da Garda Civil, Policía Local, e Policía Autonómica.

Na xuntanza, acordouse a creación da comisión de coordinación técnica para iniciar os traballos de elaboración do Plan Local de Seguridade. Outro dos temas tratados foi a posta en marcha dunha campaña informativa de 'Consellos para a prevención de delitos' realizada en colaboración entre o Concello de Ames e a Garda Civil.

Ao remate da xuntanza, tanto o rexedor amiense como o subdelegado do Goberno na Coruña coincidiron en destacar a importancia da colaboración e do traballo conxunto para a prevención de feitos delictivos e o esclarecemento dos mesmos.

O alcalde de Ames fixo fincapé que a seguridade dos veciños e veciñas é unha prioridade para o Goberno amiense. Neste sentido, Santiago Amor subliñou a excelente coordinación que está habendo entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía Local e fixo fincapé na importancia da colaboración cidadá, que xa está dando os seus froitos. Nesta liña, lembrou que a semana pasada o aviso dun veciño permitiu deter a dúas persoas cando tentaban roubar no interior dunha vivenda en Bertamiráns.

Por iso, Santiago Amor aproveitou a convocatoria para reiterar o chamamento de colaboración á cidadanía e apuntou que o Concello, en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, non baixa a garda, e seguirá incrementando o seu labor en favor da seguridade veciñal.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Xunta Local de Ames acorda crear unha comisión de coordinación para elaborar o Plan Local de Seguridade"
El Correo Gallego: "Plan y campaña informativa para frenar los delitos en Ames"
La Voz de Galicia: "Ames y Teo sufrieron diez robos durante los últimos quince días"