Pestanas principais

A xunta local de concentración parcelaria Biduído II-Bugallido II informa favorablemente da cesión dunha masa común ao Concello de Ames

Mércores, 24 de outubro de 2012

[24-10-2012] A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a reunión do pleno da Xunta Local de concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II. Ao encontro asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Antonio Aguión; técnicos, enxeñeiros e representantes dos propietarios. O obxectivo desta reunión foi tratar a cesión dunha masa común da concentración parcelaria ao Concello de Ames co fin de regularizar a situación dunha depuradora.

Os asistentes emitiron un informe favorable para ceder ao Concello amiense esta masa común, un trámite necesario para regularizar unha situación coa que se atopou o actual Executivo. O Concello de Ames solicitara en xuño deste ano a cesión desta parcela alegando o seu interese público, xa que se trata dun ben que beneficia a un sector moi importante da poboación amiense.

Ademais, durante o encontro celebrado hoxe, o rexedor de Ames e o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar informaron aos membros da xunta local, entre os que se atopaban veciños e propietarios dos terreos, da situación na que se atopa a situación da concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II, iniciada no ano 1991.

As previsións que se manexan e que foron trasladas aos asistentes á reunión son que no próximo ano se poida materializar a declaración de firmeza da zona, levando a cabo despois a entrega dos títulos. A concentración parcelaria da zona de Biduído II-Bugallido II comprende unha superficie de 740 hectáreas, aportadas por 1.537 propietarios en 16.733 parcelas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A xunta local de concentración parcelaria Biduído II-Bugallido II informa favorablemente da cesión dunha masa común ao Concello de Ames"