- Tematica
A Xunta de Galicia vén de publicar este mércores, 4 de novembro de 2020, novas medidas de restrición que afectan á mobilidade da veciñanza e ao sector hostaleiro. Ditas medidas afectan a todo o termo municipal de Ames. Deste xeito, a veciñanza de Ames tan só poderá desprazarse polos termos municipais de Ames, Santiago de Compostela, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra. Soamente se poderá saír deste perímetro por causas xustificadas e contempladas no decreto da Xunta do 4 de novembro de 2020. Os establecementos do sector hostaleiro permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. Estas dúas medidas de restrición entran en vigor ás 00.00 horas do 7 de novembro de 2020. Ademais, mantense a restrición da mobilidade nocturna entre as 23.00 e as 6.00 horas. Preme nesta ligazón e consulta todas as restricións que afectan á poboación do concello de Ames.
A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este mércores, 4 de novembro do 2020, a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia. Deste xeito as restricións en vigor afectarán a totalidade do concello de Ames.
Hostalaría e restauración
Os establecementos de restauración permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.
Establecementos e locais comerciais
Os establecementos e locais comerciais retallistas e de actividades de servizos profesionais abertos ao público non poderán superar o 50% da súa capacidade total.
Actividades e instalacións deportivas
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que, neste último caso, todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, o monitor.
Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, sen contar, se é o caso, o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade.
Transporte
As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, quedan establecidas do seguinte modo:
1.-Nos vehículos que realicen servizos colectivos de transporte de viaxeiros con reserva de praza, poderase ocupar a totalidade dos asentos reservados, garantindo no resto de prazas que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional.
2.-Nos vehículos que realicen transporte regular de uso especial de escolares, poderase ocupar a totalidade dos asentos.
3.-Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, garantirase que non se ocupen asentos contiguos, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou habitacional.
4.-Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como límite de ocupación máxima a dunha sexta parte das prazas de pé en vehículos de clase I e A, e dunha sexta parte das ditas prazas de pé nos de clase II.
Vixencia
As medidas establecidas na Orde e que son de aplicación ao Concello de Ames, terán efectos a partir das 00.00 horas do día 7 de novembro de 2020. A eficacia das medidas estenderase ata as 15.00 horas do 4 de decembro de 2020. Non obstante o anterior, serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.
Peche perimetral de Ames
Por outra banda, queda establecido o peche perimetral de Ames, xunto con Santiago de Compostela, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra, dende as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020. Quedan exceptuados da anterior limitación aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:
-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
Restricións ás agrupacións de persoas
En Ames, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.
Así mesmo, esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso de práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
Medidas adoptadas polo Concello de Ames
Por outra banda, o Concello de Ames informa de que as pistas deportivas ao aire libre, os parques infantís e os parques biosaudables de todo o concello continúan pechadas. Tamén seguen suspendidas as actividades de Benestar Social e aprazadas as Escolas deportivas e culturais.
Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar aos números de teléfono 881 07 47 30 // 662 099 944 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.