Pestanas principais

A Xunta trasládalle ao Concello de Ames unha proposta alternativa para optimizar os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago

Mércores, 16 de febreiro de 2022

A Xunta envioulle este martes, 15 de febreiro, ao Concello de Ames unha nova proposta alternativa para optimizar os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela. A Xunta propón asumir un incremento de frecuencias na liña que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano. Ademais, a proposta remitida optimiza o número de servizos da nova liña municipal, que deberá poñer o Concello para completar a oferta aos usuarios, reducindo considerablemente o custo. A Dirección Xeral de Mobilidade convida ao Concello de Ames a valorar a alternativa proposta, que reduce o custo económico para a Administración local, á vez que se axusta mellor ás necesidades de mobilidade dos veciños do rural. A vindeira semana realizarase unha xuntanza coas asociacións de veciños/as de Ortoño e Bugallido para coñecer a súa valoración sobre dita proposta. Preme nesta ligazón para consultar a proposta feita pola Xunta.

A Dirección Xeral de Mobilidade remitiulle onte ao Concello de Ames a avaliación sobre a proposta que a Administración local achegou na xuntanza mantida a finais de decembro, na que conclúe que é posible atender as necesidades de mobilidade destes núcleos cunha maior eficacia, achegando para iso unha solución alternativa.

Na análise técnica realizada pola Xunta revisouse a dotación de vehículos e os recursos humanos necesarios para o incremento de servizos que recolle a formulación do Concello de Ames, así como o custo que suporía para a Administración local a activación dos servizos de interese municipal (SIMU), entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago, como complemento da actual concesión de autobús interurbano.

A posta en marcha dun servizo de interese municipal, como neste caso, implica a formalización dun convenio de colaboración entre as dúas administracións, unha posibilidade prevista no Plan de Transporte Público de Galicia. Tras a análise realizada, a Xunta conclúe que é posible atender as necesidades manifestadas polo Concello cunha menor disposición de recursos adicionais que a proposta polo municipio, distribuíndo de forma máis eficiente os servizos entre as distintas liñas de autobús.

A alternativa presentada pola Dirección Xeral de Mobilidade asume, por unha banda, un incremento de frecuencias na liña que actualmente conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago de Compostela, no marco da concesión de autobús interurbano da Xunta vixente. Concretamente, de luns a venres incrementaríase unha frecuencia de ida sentido Santiago e dúas frecuencias de volta. Os sábados habería dous novos servizos, tanto á ida como á volta, ao igual que os días festivos. Os domingos incrementaríase un servizo de ida cara a Santiago e outro de volta cara ás parroquias de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “seguramente esta solución non é a que todas e todos buscamos, pero é unha mellora importante ao servizo que agora mesmo se estaba prestando, xa que se incrementan en 12 as frecuencias, ademais de mellorar a comunicación de Ortoño, Bugallido e Biduído con Bertamiráns. Desgraciadamente a antiga liña P2 desapareceu fai un ano, e calquera intención de comparar o servizo actual co antigo é un erro”.

Nova liña do servizo de interese municipal
Por outra banda, a proposta da Xunta optimiza o número de servizos que formarían parte da nova liña do servizo de interese municipal, entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago, que debe poñer en marcha o Concello de Ames e que viría complementar a oferta de servizos conforme ás peticións comunicadas polo propia Administración local.

Concretamente, a proposta da Xunta prevé que o servizo de interese municipal do Concello realice 5 frecuencias de ida e 3 de volta todos os días da semana, con horarios que non se solapen coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago. Os sábados propóñense 4 servizos de ida cara a Santiago e 4 de volta; e os domingos e festivos, 3 servizos desde a rúa Alcalde Lorenzo de Ames e 2 de volta desde a estación intermodal de Santiago.

Esta nova opción trasladada pola Xunta mellora o servizo e reduce o custo económico para o Concello, de 114.700 euros recollidos na proposta da administración local a tan só 75.300 euros, xa que se precisaría dun único vehículo para realizar o servizo en lugar de dous.

O rexedor municipal engade que “o Concello de Ames vai a facer un importante desembolso económico para mellorar a comunicación de Ortoño, Bugallido e Biduído con Santiago, co que poñemos de manifesto a aposta pola mobilidade mediante o transporte urbano no rural. E esta aposta verase incrementada nos vindeiros anos, grazas aos fondos europeos da EDUSI Impulsa Ames, coa posta en marcha dun transporte municipal interior e un transporte baixo demanda que permitirá a vertebración do noso concello”.

Por último, Blas García quixo “destacar o entendemento existente coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xa que despois da última xuntanza mantida no mes de decembro por este asunto fomos capaces de chegar a un acordo e atopar unha solución que vai a beneficiar aos veciños e veciñas de Ortoño, Biduído e Bugallido. Ademais, actualmente estamos traballando para solucionar, tamén, o problema que seguen a ter os e as usuarias de A Moniña e Fraíz, que esperamos resolver canto antes coa axuda do Concello de Santiago”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Xunta y Concello reforzarán el transporte del rural de Ames"

El Correo Gallego: "Tantean líneas con Bugallido y Ortoño hacia la capital gallega"

Compostela 24 Horas: "Proposta da Xunta para optimizar os servizos de autobús entre Ortoño e Bugallido con Santiago"

AMSGO!: "A Xunta trasládalle ao Concello unha proposta para o bus entre Ortoño, Bugallido e Santiago"

Enfoques.gal: "Ames consigue que la Xunta acepte incrementar las frecuencias de autobús con Santiago"

Lindeiros: "Propostas da Xunta para resolver o problema do autobus de Bugallido e Ortoño en Ames"

Imaxe de arquivo