- Tematica
A III Feira de San Xoán, organizada pola Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, volve un ano máis ao parque do Ameneiral con artesanía, música e máis actividades. Será os días 23 e 24 de xuño.
A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) volve a organizar por terceiro ano consecutivo a feira de San Xoán, que se vai desenvolver os días 23 e 24 de xuño no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.
A festa inaugurarase o venres 23, ás 17:00 horas, cunha actuación da agrupación musical Retranqueiros. Durante a primeira xornada terá lugar tamén, dentro da programación “AmesON”, da Concellaría de Promoción Económica, o concerto de A banda da Balbina, ás 21:00 horas. Este grupo, nacido no ano 2007, está conformado por Silvia Carreira (voz), Juan Fuentes (guitarra), Dani Fuentes (baixo e coros), Carlos Gómez (batería) e Gabriel Riveiro (acordeón). As súas creacións manteñen uns ritmos festeiros e unha retranca propia do país, e, dende os seus inicios, a banda mestura o ritmo e a música coa musicalidade do galego.
Xa o sábado 24, haberá unha sesión vermú a partir das 13:00 horas, a cargo do grupo Taz. Durante a tarde, ás 18:00 horas, ofrecerase a actividade Tango na rúa, na que colaboran Amestango e a Asociación Cultural A Maía. A feira pecharase ás 20:00 horas, cunha exhibición dos campións do mundo do mundo de Milonga: Alexandra Baldaque e Fernando Jorge.
A concelleira Ana Belén Paz, destaca que “esta é xa a terceira edición da Feira de San Xoán, unha iniciativa que se vai consolidando ano tras ano. Esta serie de actividades son de moita utilidade para fomentar e dinamizar o comercio local, ademais de servir de punto de encontro para os veciños”. Nese sentido, a concelleira resalta que “invitamos a todos os amesáns e amesás, ademais de a toda a xente da contorna, a que participen na feira”.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Feira de San Xoán en Ames"