Pestanas principais

A XVII edición do Festival internacional de Maxia "Festimax" reúne en Ames a preto de 1.000 persoas

Luns, 24 de outubro de 2022

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro volveron ser protagonistas un ano máis do Festival internacional de Maxia “Festimax”, unha das citas máis características do outono amesán, que se celebrou os días 21, 22 e 23 de outubro. O evento, que reuniu a preto de 1.000 persoas, estivo cargado de humor, sorpresas e ilusionismo. A veciñanza amesá puido desfrutar ao longo de tres xornadas dos espectáculos e obradoiros de magos galegos e internacionais. Este ano, como novidade, incluíuse unha gala con novos talentos do mundo da maxia, para o que se esgotaron as entradas.

A Gala máxica internacional foi novamente o espectáculo que máis espectadores xuntou. Realizáronse catro sesións de dita gala (dúas en Bertamiráns e outras dúas no Milladoiro) nas que participaron 631 persoas. Encargouse de abrir o espectáculo Eric Magoo, premiado a nivel mundial, representando un número cómico que cativou a pequenos e maiores. A continuación foi a quenda da arxentina Lore Lavand, que se ocupou do espectáculo de maxia poética, logrando xogar coas emocións do público.

Posteriormente, o ilusionista coreano Hyun Joon Kim, tamén premiado internacionalmente e recoñecido polo seu gran xogo de mans, a súa habilidade coas cartas e a súa estética impecable, creou un número de manipulación cheo de sorpresas.

Pechou a sesión Dani Polo, un dos magos habituais do FestiMax. Polo, polifacético ilusionista melidense que recibiu en 2017 o Premio Nacional de Magia e que conta cunha carreira de máis de dez anos ás súas costas, recoñeceu sentirse moi arroupado polos espectadores. “É un espectáculo que, enriba do  escenario, vai moi rápido, pero a resposta do público foi moi boa. É moi difícil superarse cada ano, tratamos cun público moi esixente, pero a sensación é de satisfacción. Este ano ademais veu moita xente, estaba todo cheo”, declarou. A súa actuación foi unha das máis aplaudidas do FestiMax pola combinación de orixinalidade, sorpresas e un ritmo moi dinámico, acompañado dunha posta en escena moi novidosa e numerosos números visuais.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a calidade que tivo este ano o FestiMax xa que contou con grandes profesionais do mundo da maxia. Aínda que parece imposible, este festival segue medrando ano tras ano. Ademais, conserva a súa esencia inicial e a calidade que merece a veciñanza de Ames. Tamén quero agradecer o traballo durante toda a fin de semana de todo o persoal municipal e en especial da técnica de Cultura polo seu incansable traballo. Ames é maxia e máxica. Dende hoxe xa comezamos a traballar na 18 edición”.

Ademais, houbo unha serie de obradoiros dos que puideron desfrutar 48 rapaces de entre 8 e 14 anos. Os rapaces e rapazas aprenderon da man de David Maestro sobre teoría da maxia e conceptos como a cartaguia e a cartomaxia. Posteriormente levaron a cabo xogos con cartas e gomas para poñer en práctica o aprendido.

Gala infantil e de novos talentos

Para continuar co obxectivo de achegar a maxia e a ilusión á rapazada, o FestiMax organizou novamente unha gala infantil, presentada por Cliff The Magician, á que asistiron 121 nenos e nenas. O ilusionista, que realiza os seus espectáculos en inglés, logrou que o número que presentou, moi colorido, captase a atención dos cativos presentes e fose moi participativo.

Esta XVII edición incluíu ademais unha novidade, a gala de novos talentos, que xuntou en Ames a promesas do mundo da maxia e o ilusionismo e logrou reunir a pequenos e maiores en torno a un mesmo show. A cita colocou a Ames no mapa do mundo da maxia, posto que asistiron a presenciar o espectáculo 140 persoas de distintos puntos de Galicia.

A técnica do Departamento de Cultura, María Vázquez, destacou que “o público saíu moi contento e satisfeito pola variedade de números, estética e robótica. Este ano, ademais de xente de Ames, achegáronse persoas de Monforte, Ferrol, Vigo e Ourense, foi un evento moi participativo”.

Premendo nesta ligazón pódese ver un vídeo resumo da XVII edición do Festival internacional de Maxia "Festimax"

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Éxito del Festimax con alrededor de mil asistentes y entradas agotadas"

AMS GO!: "Festimax trouxo a Ames preto de 1.000 afeccionados á maxia"

A XVII edición do "Festimax" reuniu en Ames a magos do eido galego e internacional

Multimedia

  • A XVII edición do Festival internacional de Maxia "Festimax" reúne en Ames a preto de 1.000 persoas

  • Embedded thumbnail for