Pestanas principais

Información tributaria

O departamento Económico do Concello de Ames pon a disposición da veciñanza amesá o Calendario Fiscal 2024 do Concello de Ames, onde se recollen as datas de cargo dos recibos domiciliados, as datas do período voluntario de pago dos recibos non domiciliados e as datas de cargo dos recibos domiciliados mediante o sistema especial de pagamento voluntario en dous prazos sen xuros, dos tributos xestionados pola Deputación da Coruña: Imposto de Bens Inmobles (IBI), Vehículos (IVTM), Imposto de Actividades Económicas (IAE), Taxa de vaos e Taxa de terrazas, así como as datas de cargo e períodos de pago de voluntaria para as taxas e prezos públicos dos tributos xestionados polo Concello de Ames.

O calendario fiscal recolle as medidas tributarias que se foron tomando para dar resposta ás situacións excepcionais provocadas pola crise sanitaria da Covid e económica, quedando implantadas medidas de calendarizando dos pagos das taxas e impostos coa finalidade de establecer medidas de apoio e flexibilización no pago de impostos e taxas, adaptándose as novas necesidades.
 
Ao longo destes últimos anos e ampliando o Plan de Medidas Tributarias Covid-19 establecido no 2020, o Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, puxo en marcha DÚAS MEDIDAS TRIBUTARIAS para a aprobación e implantación de medidas de FLEXIBILIZACIÓN DO PAGO DOS IMPOSTOS MUNICIPAIS xestionados pola Deputación da Coruña (IBI, VEHÍCULOS, IAE, VAOS E TERRAZAS).

MEDIDAS TRIBUTARIAS PARA O PAGO DE IMPOSTOS E TAXAS MUNICIPAIS XESTIONADOS POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA:

1) Sistema especial de pagamento voluntario (2 prazos):
Tamén poderás solicitar o pagamento voluntario dos recibos en dúas datas sen xuros.
PRAZO SOLICITUDE: Aberto. Deberá presentarse na Deputación antes do envío da remesa de domiciliacións bancarias do primeiro prazo do período da correspondente voluntaria.
MODELO: Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

2) Plan Especial de pagamentos individualizado (10 prazos):
Establécese un sistema especial de pagamento de cotas por recibo podendo realizar o pagamento de un ou varios impostos municipais de carácter periódico, IBI, VEHÍCULOS (IVTM), IAE, VAOS e TERRAZAS a elixir polo contribuínte, en 10 mensualidades, o día 5 de cada mes SEN XUROS.
PRAZO DE SOLICITUDE: Aberto. A solicitude deberá estar aprobada antes do 1 de xaneiro de cada ano con efectos para o exercicio seguinte.
MODELO: Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

As/os contribuíntes interesados en acollerse ao pago a prazos ou en dous prazos poden solicitalo na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación.

Será requisito indispensable para acollerse a estes dous sistemas de pagamento ter domiciliado os recibos.

Poderán solicitalo a través da web da Deputación (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.

Os modelos de solicitude poden solicitarse na Deputación da Coruña que mantén aberto o Servizo de atención ao contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a través da Oficina Virtual Tributaria na que se poden realizar os trámites, consultas e xestións ás 24 horas do día, os 365 días do ano.

MEDIDAS PARA APRAZAMENTOS E FRACCIONAMENTOS DE IMPOSTOS E TAXAS
Outra das informacións que achega a Concellaría de Economía e Facenda é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames.

En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados. No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, IVTM, IAE, VAOS e TERRAZAS) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981 88 48 96, ou a través do enderezo electrónico ames@canaltributos.com.

Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100€ en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000€ ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000€, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.

No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100€ e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000€ e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100€ e 300€ ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500€. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.

INFORMACIÓN BONIFICACIÓNS / EXENCIÓNS TRIBUTOS
Poñemos á disposición da veciñanza información resumida e sintetizada das bonificacións e exencións recollidas nas distintas ordenanzas reguladoras do Concello de Ames. O obxectivo é facilitar dita información de xeito máis transparente e directo, enumerando as distintas ordenanzas e indicando os artigos e apartados onde se regulan as bonificacións e exencións, así como un resumo das bonificacións e os seus porcentaxes. Para ver a información máis detallada dos requisitos e bonificacións haberá que consultar as distintas ordenanzas que están publicadas na páxina de transparencia do Concello de Ames na pestana de Información Tributaria e tamén na pestana de Normativa Municipal.