Pestanas principais

Oficina de Transformación Comunitaria

O Concello de Ames está traballando na creación dunha asociación matriz, que xestione as diferentes comunidades enerxéticas que se poidan crear. Dita asociación estará formada polo Concello e por veciños e veciñas que aposten por formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Xa se celebraron varias xuntanzas nas que participou veciñanza de Lens, Trasmonte, Aldea Nova, Augapesada e Raíces. Está previsto facer reunións en todas as parroquias para explicar as funcións da Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen participar na comunidade enerxética local.

Trátase dun espazo físico e virtual que ofrece información, asesoría e acompañamento para a creación de comunidades enerxéticas en Ames e na contorna. Ames foi unha das 5 entidades galegas que foron quen de acadar fondos do IDAE para a constitución dunha OTC. Premendo nesta ligazón pódese acceder á páxina web da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames.

Funcións da OTC de Ames
A Oficina de Transformación Comunitaria realiza funcións de difusión e fomento, para informar á cidadanía amesá e da contorna, así como a outros axentes sobre as comunidades enerxéticas, os seus beneficios e como crealas; acompañamento para apoiar á comunidade enerxética no seu proceso de constitución e funcionamento, proporcionando asistencia técnica e asesoramento; e asesoramento, para ofrecer consultaría técnica, administrativa ou xurídica específica para proxectos concretos de comunidades enerxéticas.

A OTC de Ames está financiada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), Deputación da Coruña e Concello de Ames. O financiamento do IDAE provén de fondos europeos Next Generation. Este proxecto conta cun orzamento de 145.200 euros. Para elo cóntase cunha axuda do IDAE de 80.000 euros e cunha subvención, mediante convenio de colaboración, da Deputación provincial da Coruña, por importe de 25.200 euros. O Concello de Ames achega os 40.000 euros restantes.

Contacta coa OTC de Ames
A área de apoio da OTC de Ames abarca aos seguintes concellos: Brión, Negreira, Oroso, A Baña, Val do Dubra, Padrón, Muxía, Dodro, Rois, Vimianzo, Cee e Boiro. Os recursos humano cos que conta a OTC son un consultor – responsable; un enxeñeiro especialista en enerxía, un asesor xurídico e unha socióloga.

A OTC ofrece servizo telemático, de luns a venres, en horario de 9.00 a 15.00 horas, a través do correo electrónico otc.ames@concellodeames.gal e a través do número de teléfono 690 255 532. Ademais, ofrece servizo presencial, os venres de 10.00 a 13.00 horas, nas instalacións municipais do espazo colaborativo A Proa, que está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro.