Actualidad

Por ejemplo, 11-02-2025
Por ejemplo, 11-02-2025
Miércoles, 17 de julio de 2024
Cartaz dos Seráns de Ames 2024

Este xoves, 18 de xullo, o campo da festa de Bugallido acolle a terceira das actuacións da cuarta edición dos “Seráns de Ames”. A iniciativa, que se desenvolve durante sete xoves de xullo e agosto, acolle nesta ocasión un espectáculo de danza e circo para todos os públicos. O espectáculo “A vida tola de Pajarito” representarase ás 20:00 horas por parte da compañía galega Pistacatro. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.

Martes, 16 de julio de 2024
O 19 de xullo chega a Ames o Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

Este venres, 19 de xullo, o concello de Ames acollerá unha das xornadas do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación ISMO Cultura. Así, ao longo desta xornada desenvolveranse no Pazo da Peregrina diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. Haberá encontros para os profesionais da danza, os obradoiros “Danza en Familia” e “A danza como lugar de recreo”, e actuacións a cargo de Suevia Rojo, Paulina Espinosa, Mariana Oliveira, Angel Durán e Mounqup. A artista amesá vinculada ao apoio bienal, Suevia Rojo, estreará “Pensar a contratempo”.

Lunes, 15 de julio de 2024
Apróbase o reparto de 55.000 euros en axudas para as asociacións culturais e comisións de festas de Ames

O Concello de Ames acaba de aprobar, na Xunta de Goberno Local do pasado 5 de xullo, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos tradicionais. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 30.000 euros entre catorce asociacións culturais e de 25.000 euros entre oito asociacións e comisións de festas. A estas subvencións puideron optar todas as asociacións do concello que realizan actividades de índole cultural e festas tradicionais. As entidades beneficiarias destas axudas teñen ata o 31 de xaneiro de 2025 para presentar a xustificación de gastos. Os gastos a aportar polas entidades beneficiarias teñen que corresponder ao exercicio 2024.

Lunes, 15 de julio de 2024
Paula Quintas chegará o 17 de xullo a Bertamiráns co espectáculo “Multiperspectivas#2”

Este mércores, 17 de xullo, ás 21:00 horas, o parque do Ameneiral de Bertamiráns acollerá a representación de “Multiperspectivas#2”, a nova proposta da bailarina Paula Quintas. Este espectáculo, que combina danza, circo e improvisación teatral, abrirá a programación municipal de artes escénicas do segundo semestre, e está integrado no convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Sábado, 13 de julio de 2024
Todo preparado no Milladoiro para acoller a XIII edición do Millarock

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza unha nova edición do festival Millarock, que se vai celebrar o vindeiro 2 de agosto a partir das 19.00 horas no anfiteatro do Milladoiro. O evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Ás 21.00 horas, Onda Dagda abrirán o festival no anfiteatro do Milladoiro; ás 22.00 horas, na travesía do Porto sairá ao escenario Biribirlocke; neste mesmo escenario ás 23.15h será a quenda de Agoraphobia; e ás 00.30 horas pechará o festival Dakidarría. A actuación de cada un dos grupos terá unha duración aproximada dunha hora. A entrada será libre e de balde.

Miércoles, 10 de julio de 2024
Este domingo, 14 de xullo, chega a Ortoño a XVIII edición da Festa do Chourizo ao Viño

Unha nova edición da Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, terá lugar o vindeiro domingo 14 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. Nesta ocasión, ademais, amenizará o xantar a banda de gaitas e de baile rexional Os Castros. Ademais, realizarase un campionato de chave por parellas e haberá inchables gratuítos para os nenos e nenas. A xornada rematará coa actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024.

Martes, 09 de julio de 2024
Ames acollerá o 19 de xullo unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

O vindeiro venres, 19 de xullo, o concello de Ames acollerá unha das xornadas do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación IS.MO Cultura. Así, ao longo desta xornada desenvolveranse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. A programación do festival foi presentada onte na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Lunes, 08 de julio de 2024
Preséntase a programación “Verán en Ames” que recolle tres meses de festexos e actividades

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboran para organizar a programación estival “Verán en Ames 2024”, que encadea tres meses seguidos cheos de actividades e festexos. Entre as propostas destacan as festas da Madalena do Milladoiro, do 2 ao 6 de agosto, e as da Peregrina de Bertamiráns, do 7 ao 11. Ademais inclúense actividades para todos os públicos: a semifinal do concurso Canta con Ames, concertos nas parroquias, o concerto de Guadi Galego, a final do concurso Baila con Ames e maila actuación de orquestras como Panorama, París de Noia ou Los Satélites, entre outras. Premendo nesta ligazón poderse obter máis información sobre a programación.

Lunes, 08 de julio de 2024
María Toro Trío e Kin García Quinteto protagonizaron a sétima edición do Ames Jazz

Bertamiráns acolleu esta fin de semana a sétima edición do Ames Jazz, unha iniciativa que combinou diversas propostas musicais durante as noites do venres 5 e o sábado 6. O festival estivo protagonizado por María Toro Trío e Kin García Quinteto. Ademais, proxectouse o documental “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band” e impartiuse o faladoiro “Dende Galicia para o Mundo”. Nesta edición máis de 350 persoas participaron nas diversas actividades do festival que, o alcalde de concelleiro de Cultura, Blas García, espera que siga medrando edición tras edición e poida chegar a converterse no evento punteiro a nivel galego de jazz: “Este concello está comprometido co proxecto, ano a ano o Ames Jazz vai atraendo a máis xente e xa está asentado como un evento fixo para os fanáticos deste xénero musical” explica o rexedor. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes do evento.

Jueves, 04 de julio de 2024
A Ponte Maceira acolle un ano máis as “Noites en Vela” con Son Elas e Lontreira

O sábado 20 de xullo, a partir das 21:00 horas, terá lugar unha nova edición das “Noites en Vela”, evento que se consagra como unha tradición que vincula aos concellos de Ames e Negreira dende o ano 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os encargados de amenizar a noite serán o coro “Son Elas”, que darán paso a “Lontreira” e estes a un espectáculo pirotécnico que finalizará a velada. O acceso ao evento é de balde.