Actualidad

Esta mañá o xardín do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu a presentación da primeira festa do Apego de Ames, que se desenvolverá o venres, 11 de setembro, pola tarde e mais o sábado 12 durante todo o día. A presentación correu a cargo da concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e da técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Ames, Rosa Moreiras. As actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá teatro infantil, contos, cantos de berce, concertos, unha foliada e moitas actividades máis. O impreso de inscrición nas actividades, o cartel e mais a programación da Festa do Apego pódese obter premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova.

O Concello de Ames participa un ano máis no proxecto Youtubeir@s cos obxectivos de fomentar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e de darlle visibilidade á produción en galego na rede e á comunidade youtubeira. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición. O prazo para participar neste certame está aberto ata o 23 de outubro. Esta edición do proxecto Youtubei@s está tendo un grande éxito con numerosos vídeos que xa se presentaron ao concurso.

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha as “Brincadeiras Miúdas”, catro xornadas de xogos, bailes, cantos e contadas ao aire libre que se desenvolverán o 25 e 26 de agosto no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o 1 e 2 de setembro no parque dos Piñeiros, no Milladoiro. Animarán as sesións os Xogos do Paporrubio e Cé Orquestra Pantasma. A actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de 2 anos en diante. Aínda quedan algunhas prazas libres para participar nas actividade dos Xogos do Paporrubio e da Cé Orquestra Pantasma no Milladoiro. Para Bertamiráns están todas as prazas esgotadas. O aforo é limitado para garantir as normas de seguridade.

Ao abeiro do programa Apego, a concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha “Brincadeiras Miúdas”, catro xornadas de xogos, bailes, cantos e contadas ao aire libre que se desenvolverán o 25 e 26 de agosto no pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o 1 e 2 de setembro no parque dos Piñeiros de Milladoiro. Animarán as sesións os Xogos do Paporrubio e Cé Orquestra Pantasma. A actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de 2 anos en diante. O prazo de inscrición comeza hoxe e alóngase até o 24 de agosto. O aforo é limitado para garantir as normas de seguridade.

A Concellaría de Normalización Lingüística retomou na tarde de onte, no pazo da Peregrina, a súa programación presencial con actividades do programa Apego. Dous espectáculos: o de "Contos con Apego" de Ruth Caramés, de Fabaloba, e o concerto de Uxia Lambona e a Banda Molona fixeron as delicias de grandes e pequenos e serviron para darlle a benvida a unha nova xeira de actividades dirixidas aos máis pequenos e as máis pequenas da casa. A programación infantil continuará a semana que vén. Desa volta da man da Concellaría de Cultura que traerá á praza de Manuel Murguía do Milladoiro a Xoán Curiel co seu espectáculo "Danzamos no Verán".

A XI edición dos premios Rosalía de Castro acaba de premiar o "Club de Debate" polos anos que leva favorecendo o emprego do noso idioma entre a mocidade. Ames participa neste proxecto colaborativo desde o seu inicio no curso 2011-2012. O departamento de Normalización Lingüística do Concello, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega dos Centros de Ensino Secundario, fixeron posible a intervención de máis de 50 equipos e 500 alumnos e alumnas de Ames no tempo que leva desenvolvéndose esta iniciativa. Ademais de promover o uso do galego, o Club de debate fomenta a diversidade de opinións e a tolerancia e promove o pensamento crítico e analítico entre a mocidade. O premio está dotado con 3.000 euros.

A Concellaría de Normalización Lingüística, retoma a súa programación presencial cunha Tarde con Apego, na que Ruth Caramés, de Fabaloba, ás 17.30 horas, realizará unha sesión de Contos con Apego, na que contará os contos: Había unha vez un virus. Ademais, a partir das 19.00 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá un concerto para os máis pequenos. Ambas as dúas actividades serán no Pazo da Peregrina. Para participar haberá que enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal do 1 ao 8 de xullo. As familias interesadas en participar deben darse présa en apuntarse, xa que debido ás medidas de seguridade pola Covid-19 o aforo é reducido.

Xosé Antón López Silva dá clases de latín en secundaria e é tradutor, crítico e editor. Paulo Calvo é profesor de Economía e Matemáticas e escritor. Nazaret López traballa como xornalista no departamento de Comunicación do Concello de Ames e é dramaturga e escritora. Os tres viven en Ames e serán os encargados de xulgar os 65 traballos que se presentan á XVII edición do Certame Literario de Ames. Unha edición estraña por mor da COVID-19 que obrigou a pospoñer prazos de entrega e resolución. O 19 de xuño pechouse a recepción de orixinais e o 30 de setembro farase pública a resolución do xurado. A entrega de premios realizarase, se as circunstancias o permiten, o mes de outubro.

As entidades organizadoras do Certame Enreguéifate anuncian as regueifas gañadoras desta IV edición. En total, houbo 27 propostas participantes, das cales 11 participaron a través da categoría xeral e 16 na categoría escolar. O proxecto está promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, programa, a través de Apego, un obradoiro virtual de estimulación temperá, musical e lingüística para o próximo venres 12 de xuño. O obradoiro, impartido por Leticia Falcón, desenvolverase en diferentes horarios segundo a idade das crianzas. Para realizar as inscricións é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal coa información que se indica posteriormente nesta nova, e o prazo para facelo remata o próximo mércores 10 de xuño.
- ‹ anterior
- 29 de 36
- siguiente ›