Avisos

Por ejemplo, 30-04-2025
Por ejemplo, 30-04-2025
Lunes, 22 abril, 2019
A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá este martes 23 e mércores 24 ao Milladoiro e o xoves 25 e venres 26 de abril a Bertamiráns. A unidade móbil de doazón estará aparcada na rúa da Curuxa (no cruce con Rosalía de Castro) e na avenida da Maía (diante da praza da Maía), en horario de 15.30 a 21.00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.
Lunes, 22 abril, 2019
O vindeiro 26 de abril, a Casa da Cultura do Milladoiro enchese de arrolos e cantos de berce da man de Faia Díaz e Guillerme Fernández a través da actividade “Arrolos de salitre”. Este obradoiro, que estará orientado tanto a familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos como a futuras mamás e papás, contará con dúas sesións, unha ás 17:00h e outra ás 18:00 horas. A iniciativa busca que as persoas asistentes aprendan novos cantos de berce para transmitirlles afecto ás crianzas a través da lingua e da música. A actividade é gratuíta e as prazas outorgaranse por orde de inscrición. Para inscribirse é necesario enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade, a sesión escollida e un teléfono de contacto.
Jueves, 11 abril, 2019
O Concello de Ames informa de que a Xunta de Goberno Local, en sesión celebrada o día 11 de abril de 2019, aprobou o prezo público dos campamentos de verán do Concello de Ames: urbano, de educación infantil, educación primaria, educación secundaria e bacharelato. En cumprimento do citado acordo, mediante o presente anuncio dáse conta da aprobación dos prezos públicos, que son os que se reflicten no anuncio que acompaña a dito aviso. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.
Miércoles, 10 abril, 2019
Só quedan uns días para solicitar praza nas escolas infantís de titularidade municipal EIM O Bosque de Bertamiráns e EIM A Madalena do Milladoiro. Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. As solicitudes poden presentarse ata o 15 de abril. A carpeta coa documentación que hai que cubrir para tramitar a solicitude de praza hai que recollela e entregala nas escolas infantís municipais, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou descargala nesta web. Unha vez adxudicada a praza abrirase o prazo de formalización de matrícula entre os días 1 e 15 de xuño. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, podes acceder á información e documentación necesaria para realizar a solicitude.
Miércoles, 10 abril, 2019
“7 días de enero” é unha reconstrución do atentado perpetrado en 1977 polo grupo de ultradereita Triple A contra un despacho de abogados laboristas, vinculados ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras. O atentado saldouse coa morte de cinco traballadores do bufete e catro malferidos, o que supuxo un dos episodios máis sanguinarios da transición, coñecido como A matanza de Atocha.
Miércoles, 10 abril, 2019
O Concello de Ames informa da publicación do decreto no que se resolve a ordenación do pago e citación de levantamento de actas de pago/consignación e ocupación no proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta para a execución do PEID para dotación escolar no Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.
Martes, 9 abril, 2019
Persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia imparte este mércores, 10 de abril, a charla informativa “O consumidor fronte ao subministro do gas”, coa que buscan aclarar todos os aspectos sobre este tipo de subministro e evitar posibles fraudes. O soliloquio terá lugar no local social de JUPEMI (Club de Xubilados e Pensionistas) no Milladoiro ás 19:30 horas. A asistencia é gratuíta e libre ata completar o aforo. A charla informativa vai dirixida ao conxunto da poboación amesá.
Lunes, 8 abril, 2019
No pleno do 28 de marzo de 2019 prestouse aprobación inicial á segunda modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames. En cumprimento do acordo plenario do 28 de marzo de 2019, dito acordo de aprobación inicial así como o texto modificado sométese a exposición pública por prazo de 30 días hábiles mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, por prazo de 30 días hábiles, a efectos de exame e alegacións. Para o suposto de non presentarse alegacións, o acordo de aprobación inicial quedará elevado a definitivo de forma automática. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o anuncio publicado no BOP o 5 de abril de 2019 e mailo texto modificado aprobado en pleno.
Lunes, 8 abril, 2019
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao primeiro semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. As actividades de dito programa proseguen a próxima semana coa realización de dous novos talleres, que xirarán arredor dos estudos de mercado e clientela así como do plan de marketing e a estratexia para fixar prezos. Este nova edición do programa está formada por 7 talleres, dos que quedan por impartir cinco obradoiros no que resta de abril.
Lunes, 8 abril, 2019
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a décimo sexta edición do Certame Literario de narrativa e poesía que se convoca de forma anual. As persoas que desexen participar poderán enviar os seus textos ata o xoves 11 de abril. Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega. En cada modalidade do certame, que se divide en narrativa e poesía, establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios. Repartiranse preto de 3.000 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame literario e a ficha de participación.