Un ano máis, o Concello de Ames apostou pola promoción do deporte, unha actividade lúdica e mental que mellora substancialmente a vida de quen o practica. Por este motivo, a Concellaría de Deportes organizou no Milladoiro unha nova edición do Día do Deporte, no que a veciñanza amesá puido participar en diferentes deportes ao longo de toda a xornada. Así, as e os asistentes participaron de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez ou piragüismo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates. Ademais, o Concello ofreceu a posibilidade de probar novas disciplinas nesta edición, como o squash e o golf.