Actualidade

Ex., 07-02-2025
Ex., 07-02-2025
Xoves, 26 de setembro de 2024
Imaxe da visita de Belén Toimil ao campo de lanzamento de Ventín

O pasado venres a lanzadora olímpica Belén Toimil, dentro do programa da RFEA Rural Athletics Girls, visitou o CEIP da Barouta e mailo CEP de Ventín, situados no concello de Ames. En dita visita participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo presidente da   Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín. O programa Rural Athletics Girls está impulsado en Galicia pola Federación Galega de Atletismo.

Martes, 24 de setembro de 2024
O Concello de Ames organiza o VI Día do Deporte o 27 de setembro

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza por sexto ano consecutivo unha ampla oferta de actividades no Día do Deporte, que se celebrará este venres, 27 de setembro, na área deportiva do Milladoiro, de 16:30 a 20:00 horas. Ademais, haberá inchables para os máis pequenos. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte, pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lles guste no Día do Deporte de Ames. Este evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Venres, 20 de setembro de 2024
Volven as andainas saudables cunha ruta pola oitava etapa do Camiño de Santiago desde o Barbanza

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza un percorrido pola oitava etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o sábado 28 de setembro. Os participantes camiñarán arredor de 15 quilómetros, partindo desde  o Lugar de Tallós, en Dodro, e chegando ata A Picaraña. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o xoves 26 de setembro. Haberá servizo de autobuses con saída dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:15 horas.

Mércores, 18 de setembro de 2024
O domingo 20 de outubro Ames celebrará a súa XXIII Carreira Pedestre Popular

O vindeiro 20 de outubro celebrarase a Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames, que este ano alcanza a súa vixésimo terceira edición. A proba contará cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 16 de outubro, ás 23:59 horas, e pode realizarse a través da web www.emesports.es cubrindo o formulario de inscrición. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira. Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento ao completo e os horarios da XXIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames.

Martes, 10 de setembro de 2024
Aldea Nova acollerá a primeira edición do Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto

O Concello de Ames organiza, co control técnico da Federación Galega de Atletismo a primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. As probas realizaranse o sábado 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto dese punto, o cal estará debidamente sinalizado. Para dispor de máis información e tramitar a inscrición preme nesta ligazón.

Luns, 09 de setembro de 2024
Xa está aberto o prazo de preinscrición nas Escolas deportivas 2024-2025

Hoxe, 9 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2024-2025. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 15 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da páxina web de Cronos. Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 16 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 17 de setembro na páxina web do Concello de Ames.

Sábado, 07 de setembro de 2024
Imaxe do centro deportivo A Telleira

O Centro Deportivo Municipal da Telleira, xestionado por BeOne, lanza a súa campaña de setembro baixo o lema "Ponte On", convidando aos veciños a comezar (ou retomar) unha vida máis activa tras o verán. Desde o 26 de agosto e durante todo o mes de setembro, os interesados poderán gozar dunha proba gratuíta de 3 días. Ademais, aquelas persoas que se inscriban como socios durante este período gozarán de matrícula gratuíta.

Mércores, 04 de setembro de 2024
Cartaz do primeiro derbi galego de fútbol sala entre o Noia Portus Apostoli e o Pescados Rubén Burela

O Fútbol Club Meigas e mailo Concello de Ames organizan este sábado, 7 de setembro, ás 19.00 horas, no pavillón de Bertamiráns, o primeiro derbi galego da categoría de primeira de fútbol sala, que enfrontará ao Noia Portus Apostoli e o Pescados Rubén Burela. Trátase dun derbi inédito, xa que vai ser a primeira vez que coincidan estes dous equipos na máxima categoría nacional de fútbol sala masculino. Ademais, na actualidade son os dous únicos equipos que compiten nesta categoría.

Luns, 02 de setembro de 2024
O luns 9 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2024-2025

O luns, 9 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2024-2025. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 15 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da páxina web de Cronos. Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 16 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 17 de setembro na páxina web do Concello de Ames.

Xoves, 29 de agosto de 2024
Máis dun centenar de rapaces e rapazas participaron nos cursos de natación este verán

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organizou para os meses de xullo e agosto varios cursos de natación que se están a desenvolver nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano inscribíronse un total de 111 nenos e nenas. Esta iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña.