Actualidade

Ex., 07-02-2025
Ex., 07-02-2025
Martes, 11 de xaneiro de 2022
As bibliotecas amesás premiarán aos seus Superlectores na súa nova campaña de animación á lectura

Con motivo do Día das persoas usuarias das bibliotecas, este martes 11 de xaneiro o departamento de Bibliotecas de Ames lanza a campaña Superlectores, coa que busca recoñecer ao seu público infantil e xuvenil máis fiel, á vez que presentan o seu fondo ás persoas que non o coñezan. Cada usuaria ou usuario de entre 0 e 18 anos poderá conseguir unha tarxeta de Superlectora ou Superlector, que irán enchendo de selos con cada préstamo para participar nun sorteo de libros que terá lugar o sábado 2 de abril, Día do libro infantil.

Martes, 14 de decembro de 2021
Xosé Luís Santos Cabanas pecha o trimestre de “Encontros Literarios en Ames”, con “É todo conto?”

As Bibliotecas Municipais celebran o último “Encontros Literarios en Ames” do ano co escritor Xosé Luís Santos Cabanas e o seu libro, “É todo conto?”. A presentación será este xoves 16 de decembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompaña ao autor o filósofo e editor Roberto Abuín, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

Venres, 10 de decembro de 2021
En marcha a programación de decembro das bibliotecas de Ames, con actividades para todos os públicos

As Bibliotecas Municipais de Ames xa arrincaron parte do seu programa para o mes de Nadal, con talleres, encontros e os libros como protagonistas. Ás actividades de animación á lectura para a rapazada, coas inscricións xa abertas, engádenselle o último encontro literario do trimestre, con Xosé Luís Santos Cabanas, así como varios obradoiros de temática navideña. Ademais, os usuarios e usuarias das bibliotecas poderán recibir nestes centros unha recomendación diaria do Apalpador, cun calendario de advento literario con lecturas ata o día de Noiteboa.

Luns, 22 de novembro de 2021
Continúan en decembro as actividades de animación á lectura para o público infantil das bibliotecas de Ames

Xa están abertas as primeiras inscricións das actividades para a rapazada propostas polas bibliotecas de Ames neste vindeiro mes de decembro. As dúas propostas da programación de animación á lectura do último mes do ano son “Bruxas, xigantes e galiñas”, unha sesión de contacontos para nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, e “Decora o teu Nadal”, un obradoiro de elaboración de adornos para a rapazada dende 3º ata 6º de primaria. Ambas actividades realizaranse por duplicado nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

Xoves, 18 de novembro de 2021
Terceiro xoves de “Encontros Literarios en Ames”, con “En canto a Fraga”, de Alfredo Conde

As Bibliotecas Municipais seguen co seu programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación do libro “En canto a Fraga”, do escritor Alfredo Conde. O acto terá lugar, como é habitual, este xoves 18 de novembro, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañan ao autor os profesores Xosé Antonio López Silva e Xabier Ron, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.

Martes, 02 de novembro de 2021
Continúa o programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación de “Os libros que hai en min”, de Emma Pedreira

Como cada dous xoves, as Bibliotecas Municipais de Ames seguen co seu itinerario “Encontros Literarios en Ames”, nesta ocasión coa presentación do libro de Emma Pedreira “Os libros que hai en min”, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, este xoves 4 de novembro, ás 20:30 horas. A autora estará acompañada de Nazaret López, escritora e xornalista, e do editor David Cortizo, nun acto que presentará a concelleira de Cultura, Natividade González. Os encontros enmárcanse no Programa de Animación á Lectura das Bibliotecas Municipais de Ames, dirixido a público adulto. A entrada será libre ata completar aforo.

Venres, 29 de outubro de 2021
As bibliotecas de Ames continúan en novembro coa súa programación de actividades de animación á lectura para o público infantil

Os primeiros prazos de inscrición das actividades da animación á lectura para a rapazada xa están abertos nas bibliotecas de Ames, que acollen dúas propostas durante este mes de novembro: “Coma gatos e ratos”, unha sesión de contacontos pensada para nenas e nenos dos 3 aos 8 anos, e “Excelentes mulleres científicas”, un obradoiro co gallo do Mes da Ciencia en Galego para a rapazada dende 3º ata 6º de primaria. Ambas actividades repetiranse nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

Venres, 22 de outubro de 2021
Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas

Co comezo do novo curso lectivo volve a actividade ao Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con xa 12 anos de bagaxe. O grupo celebra reunións quincenais nas que os 22 participantes inscritos, de idade e procedencia diversos, comparten protagonismo coas propias lecturas. “Buscamos gozar da lectura con cada libro”, sinala o responsable do club, Santiago Eirís. Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais. A actividade, de balde, está dirixida por persoal do Departamento de Bibliotecas de Ames, e forma parte dunha serie de accións da Concellaría de Cultura para fomentar a lectura no concello.

Venres, 13 de agosto de 2021
Contacontos presencial na biblioteca no mes de outubro

O Concello de Ames realiza ao longo do ano unha ampla programación de actividades a través das Bibliotecas Municipais do Milladoiro e Bertamiráns. Esta programación ten como obxectivo animar á  lectura a nenos e maiores e fidelizar novos usuarios e usuarias. A pedra angular desta programación son os contacontos dirixidos ao público infantil. Cunha periodicidade mensual achéganlle a nenos de entre 3 e 8 anos novos títulos e os clásicos que sempre triunfan. Ademais, dende as bibliotecas realizan obradoiros e actividades dirixidas ao público adulto. Na programación deste ano destacou, ademais, a presentación de dez novos títulos da literatura galega.

Mércores, 26 de maio de 2021
Creacontos

O obradoiro de “Creacontos”, impartido por Andamiaxe, celebrarase este sábado 29 de maio, ás 11.30 horas, na biblioteca de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 27 de maio. As inscricións pódense facer na propia biblioteca, chamando ao número de teléfono 981 88 48 29 ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.