Actualidade
Este sábado, 8 de xullo, terá lugar, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polo departamento de Mocidade no ano 2019, que se celebrará nesta ocasión por cuarto ano. A festa arrincará ás 22:00, e ao longo de cinco horas sucederanse as actuacións dos grupos A Quinkillada e Jinetes del Trópico, así como de Señora DJ. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús para acudir e volver do festival dende Bertamiráns e O Milladoiro. A entrada será libre e gratuíta.
O sábado 8 de xullo terá lugar, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrincará ás 22:00 horas, e ata as 3:00 da madrugada sucederanse as actuacións de A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús para acudir e volver do festival. A entrada será libre e gratuíta.
A Concellaría de Xuventude de Ames organiza, a través do programa Trouleando, unha xornada no Aquapark de Cerceda, un parque acuático cunha ampla e variada gama de atraccións nas que pasar unha xornada de ocio con aquatubos, piscina de ondas, roaller coaster, tobogán de donuts, kamikaze, etc. Será o xoves 22 de xuño e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 8 e 14 de xuño (ambos incluídos). As prazas para participar son limitadas e asignaranse por orde de chegada.
O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Xuventude, abre o prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2023. As familias dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza poden facer a matrícula dende hoxe, día 19, ata o 31 de maio. A documentación presentarase preferiblemente a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Preme nesta ligazón para descargar o impreso de matrícula.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, organizou xunto co departamento de Educación Física do IES de Ames, unha charla dirixida ao alumnado de primeiro de bacharelato na que participou Marcelo Lusardi, un xoven skater do Milladoiro que é invidente. En dito encontro Marcelo Lusardi compartiu co alumnado a súa experiencia e mostroulles que ter unha discapacidade non é motivo para quedar atrás nin sentirse menos que ninguén.
O pasado domingo, 7 de maio, clausurouse o curso de monitores de tempo libre organizado polo departamento de Xuventude do Concello de Ames. O curso, homologado pola Xunta de Galicia, contou con 15 participantes, e desenvolveuse no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns durante as fins de semana e os días festivos dos meses de marzo, abril e maio, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Á xornada de clausura asistiu a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín. Unha vez rematada a parte teórico-práctica, de 200 horas de duración, os alumnos e alumnas teñen por diante 150 horas de prácticas en empresas, que deberán levar a cabo nos vindeiros dous anos.
A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de maio unha nova actividade enmarcada dentro do programa Trouleando que conxuga natureza, deporte e diversión: unha xornada no Ecoparque Multiaventura de Marín. Será o sábado 27, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 10 e 14 de maio. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos.
O Concello de Ames publica, un ano máis, o seu programa de campamentos municipais para este verán, a través do cal se ofertan 450 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 25 de xuño e o 4 de setembro. Organizaranse tamén dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 3 e o 28 de xullo. O prazo de preinscrición estará aberto dende o 18 ata o 28 de abril. A solicitude de praza farase enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal (no caso dos campamentos de Infantil e Primaria, os de setembro, os urbanos e os de inclusión) ou a xuventude@concellodeames.gal (no caso dos de Secundaria e Bacharelato). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.
A Concellaría de Xuventude de Ames organiza, a través do programa Trouleando, unha xornada de surf para a mocidade do concello. Será o vindeiro 22 de abril, en Razo (Carballo) e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 12 e 15 de abril (ambos incluídos). As prazas para participar son limitadas, e asignaranse por orde de chegada.
O pasado sábado, día 18, deu comezo unha nova edición do curso de monitor/a de actividades de tempo libre que organiza a Concellaría de Xuventude de Ames. Este curso, que está homologado pola Xunta de Galicia e conta con 15 participantes, desenvolverase no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura de Bertamiráns durante os meses de marzo, abril e maio. Consta de 350 horas de duración (200 horas teórico-prácticas) e 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre.
- ‹ anterior
- 5 de 15
- seguinte ›