Actualidade
A Oficina de Voluntariado de Ames, que xestiona o servizo do roupeiro municipal, solicita unha vez máis a implicación da veciñanza amesá nesta situación económica e sanitaria que se está a vivir. Nesta ocasión, precísase de roupa para nenos e nenas de 0 a 12 anos e roupa de cama de abrigo como mantas, edredóns ou colchas. Existen dous puntos de entrega da roupa, que debe estar embolsada: na Casa da Cultura do Milladoiro e na de Bertamiráns, de 09.00 a 14.00 horas. Lémbrase que a doazón debe ser de roupa nova ou en bo estado.
A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado, volve a poñer en marcha o programa "É hora de sumar" debido ás consecuencias que está a provocar a pandemia da Covid-19. O servizo pretende axudar ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade que vivan soas, ou persoas que teñan que gardar confinamento . Calquera persoa que precise do servizo ou que coñeza a alguén nesta situación pode chamar aos teléfonos 981 535 941 / 981 890 964 / 662 377 044, en horario de 9:00h ás 14:00 horas, ou por correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.
Neste Nadal, 187 trasnos repartiron os agasallos que pediron case 200 zocos e zocas (nenos e nenas). Anotáronse 25 veciños e veciñas máis que nos anteriores anos, achegando ese agasallo aos dous “Puntos Trasnos”. O departamento de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é a encargado de organizar dita campaña.
As campañas solidarias organizadas neste Nadal, conseguiron cifras exitosas grazas á colaboración do voluntariado e da veciñanza de Ames. Deste xeito, conseguiuse reunir algo mais de 400 quilos de alimentos de Nadal, 90 lotes de comida navideña e 120 menús de Noiteboa que se repartiron entre as familias máis vulnerables do concello.
187 trasnos repartirán os agasallos que pediron case 200 zocos e zocas (nenos e nenas). Os veciños e veciñas que se anotaron como voluntarios/as, actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “dous puntos Trasnos”. Este ano, debido ás restricións, estes dous lugares de recollida serán na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é a encargada de organizar dita campaña.
Este sábado, 5 de decembro, conmemorase o Día internacional do voluntariado. Dende o ano 2002 o Concello de Ames conta cunha oficina municipal de voluntariado que desenvolve ao longo do ano programas de acción social, de atención socioeducativa, así como outros programas de acción voluntaria e sociocomunitarios. Durante estes 16 anos, máis de 350 voluntarios/as colaboraron con este departamento municipal. Na actualidade, 42 voluntarios/as colaboran activamente coa Oficina municipal de voluntariado nas diferentes accións voluntarias desenvolvidas. A pesar de que este ano, por mor da Covid-19, a programación tivo que cancelarse, a OVA mantén activas campañas de recollidas de alimentos, roupa e enseres.
A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, pon en marcha unha campaña de recollida de alimentos propios da época de Nadal. As persoas que queiran participar poden doar os seus produtos na Casa do Concello e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas. Os alimentos recolleranse do 23 de novembro ata o 14 de decembro.
A unidade móbil de doazón de sangue estará este mércores, 14 de outubro, No milladoiro, na Rúa Curuxa, no cruce con Rosalía de Castro. O horario será de mañá, de 09.30 a 14.30 horas, e de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Por mor da pandemia da Covid-19, e para regular a afluencia de doantes e evitar esperas, é necesario solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 900 100 828.
A Concellería de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, acaba de poñer en marcha unha campaña de recollida de material escolar entre o persoal municipal e político do Concello, para tratar de resolver as necesidades dalgunhas familias con menores de Ames. Por mor das consecuencias económicas provocadas pola Covid-19, este curso precísase máis participación e axuda da veciñanza amesá que noutras ocasións. O obxectivo desta campaña é recadar material escolar (mochilas, estoxos, carpetas, lapis, cadernos, etc.) para que ningunha nena/o quedes sen material durante o curso escolar que acaba de comezar. O material escolar pódese entregar na Casa do Concello e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
A Oficina de Voluntariado de Ames, que xestiona o servizo do roupeiro municipal, solicita unha vez máis a implicación da veciñanza amesá para recadar roupa para nenos e nenas de 8 a 16 anos. Tamén se informa da necesidade de calzado dende o número 34 ata o 44, mochilas, estoxos, roupa e calzado deportivo (tamén do número 34 ao 44) para adolescentes e roupa para adultos (tallas grandes). Existen dous puntos de entrega de roupa: na Casa da Cultura do Milladoiro, os martes e venres de 9.00 a 14.00 horas, e na Casa da Cultura de Bertamiráns, os luns, mércores e venres, de 9.00 a 14.00 horas. A partir de agora non é necesario sacar cita previa para poder entregar roupa nas Casas da Cultura. Lémbrase que a doazón debe ser de roupa nova ou que estea en bo estado.
- ‹ anterior
- 4 de 5
- seguinte ›