Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. O obxectivo é informar á veciñanza de que en varias das rúas interiores dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise a reducir a velocidade dos vehículos a 30 quilómetros por hora.
A percepción do espazo urbano está a cambiar dende hai uns anos, antes as cidades estaban feitas para os coches, pero hoxe en día debemos ter claro que as cidades son para as persoas. Esta situación quedou patente despois do confinamento vivido por mor da Covid-19. Por iso, Ames quere sumarse as cidades que están apostando por favorecer o tránsito peonil e en bicicleta dentro dos núcleos urbanos.
Deste xeito, apóstase polos desprazamentos eficientes: o desprazamento peonil en tramos curtos, a bicicleta ou VMP en traxectos medios e o transporte público colectivo en traxectos longos. A redución da velocidade dos vehículos dálle maior seguridade ás persoas que camiñan ou que van en bicicleta nos seus desprazamentos. Ademais, a redución da velocidade aumenta a seguridade viaria en xeral e a peonil en particular; e cambia os hábitos de condución producindo un importante descenso de consumo enerxético.