Pestanas principais

Alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía visitan a plantación de patacas de Coristanco, destinada á Rede de Comedores Escolares de Ames

Venres, 04 de xuño de 2021

O Concelleiro de Educación, David Santomil e a técnica do departamento, Rosa García, acompañaron a 80 alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía e aos seus mestres/as na visita que fixeron en Coristanco á plantación de pataca de Agropecuaria Nela. Na excursión visitaron tamén a área recreativa do Refuxio de Verdes e a Torre Medieval de Nogueira.

A visita á plantación de patacas de Agropecuaria NELA de Coristanco, membro da iniciativa Slow Food de Compostela, un dos provedores da Rede de Comedores Escolares de Ames, enmárcase dentro das actividades do CEIP A Maia que combinan formación e lecer. O obxectivo neste caso foi que a rapazada coñecese o proceso de sementeira, cultivo, tratamento e colleita da pataca de Coristanco e a IXP Pataca de Galicia.

Os/as escolares tiveron logo a oportunidade de ver outras fincas dedicadas ao cultivo da variedade Kenebeck e Fina de Carballo en Nogueira e de visitar o refuxio natural de Verdes, no río Anllóns. A torre medieval de Nogueira formou tamén parte do itinerario da excursión escolar.

Para o concelleiro de Educación, David Santomil, estas iniciativas que traballan coa variedade de pataca de Coristanco "son exemplo de sustentabilidade e propician un consumo de proximidade dunha calidade excelente que, ademais, favorece o desenvolvemento local". Santomil cre que visitas como estas son moi importantes para a educación ambiental porque "axudan á formación dos nenos e das nenas como consumidores conscientes e responsables".

A concellaría de Educación ten previsto realizar diferentes visitas aos provedores de comedores escolares para dar a coñecer entre o alumnado a importancia da calidade e dos produtos de proximidade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Patata de Coristanco y producto de proximidad para nutrir al alumnado"

Compostela 24horas: "Alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía visitan a plantación de patacas de Coristanco"

Alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía visitan a plantación de patacas de Coristanco

Multimedia

  • Alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía visitan a plantación de patacas de Coristanco
  • Alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP A Maía visitan a plantación de patacas de Coristanco