Pestanas principais

A Aula da Natureza presenta a programación de actividades para este outono

Martes, 03 de outubro de 2023

A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. Durante os meses de outubro e novembro vai a realizar diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller castañas e cogomelos, unha acampada na Aula da Natureza, rutas teatralizadas polo rego da Andoriña, obradoiros para elaborar conservas de froitas e hortalizas e maila terceira edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A praza do Concello acolleu esta mañá a presentación da programación de outono da Aula da Natureza. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; e maila técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, que explicaron cada unha das actividades que compoñen dita programación, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “a Aula da Natureza no noso concello é un referente en canto a actividades nesta época do ano. Esta extensa programación comezou fai unha semana coa limpeza dos ríos e contará este ano cunha importante novidade como son as rutas teatralizadas, que servirán para achegar á veciñanza ao rural e o rural á veciñanza”. Ademais engadiu “é fundamental implicar á mocidade para que coñezan o seu entorno, especialmente a aqueles que viven nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro. Moitas veces son os propios rapaces e rapazas os que lle dan a coñecer aos máis maiores estas zonas do concello de Ames grazas a este tipo de actividades”.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, explicou que “o obxectivo é facer as actividades dentro do concello para dar a coñecer e poñer en valor todos os espazos do municipio. Moita xente do Milladoiro, Bertamiráns e outras parroquias non coñecen espazos que temos con gran valor natural e etnográfico. Este ano temos como novidade a actividade `Castaña que cae no camiño´, que pretende poñer en contacto aos máis novos con este froito e cos castiñeiros. Ademais, dentro da programación hai outras actividades para dar a coñecer os produtos típicos desta época do ano”.

A técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, indicou “procuramos sempre chegar a un amplo abanico de idades, para que todas as persoas que queiran participar o fagan. Animamos a toda a veciñanza a apuntarse a estas actividades”.

Programación de outono
Cómpre dicir que a XVI xornada de limpeza simultánea en ríos, celebrada o pasado domingo 24 de setembro, tamén forma parte de dita programación. Nesta actividade participaron 30 persoas voluntarias que percorreron dous quilómetros de diferentes tramos de ríos e regatos que pasan polo concello amesán. Deste xeito, limparon 500 metros de cada un destes ríos e regatos: Ameneiral, Rego dos Pasos, Tambre e Rego do Andoriña. O rango de idade das persoas participantes foi diversos, incluíndo voluntarios/as dos 2 ao 60 anos. A limpeza realizouse durante dúas horas e destacou a significativa participación de adolescentes e rapaces e rapazas. En xeral, todas as persoas que participaron na actividades mostraron un grande interese na limpeza dos ríos e coidado do medio natural.

Cogomelos de Ames
No mes de outubro comezan as saídas para recoller cogomelos. Co fin de difundir o curioso mundo dos fungos ao tempo que amosar as paisaxes de Ames, a Aula da Natureza organiza catro saídas didácticas polas parroquias amesás de Bugallido, Lens, Ameixenda e Agrón. Ademais, durante a celebración da feira Tanto Monte / Monte Tanto farase unha exposición e degustación de cogomelos. O obxectivo é chegar ao maior número de persoas polo que as saídas realizaranse os sábados e domingos en horario de mañá ou de tarde.

A primeira saída será pola parroquia de Bugallido o domingo 8 de outubro, en horario de 11.00 a 17.00 horas. O sábado, 4 de novembro, farase unha exposición e degustación de cogomelos na feira Tanto Monte / Monte Tanto. O día seguinte, o domingo 5 de novembro, haberá unha nova saída, desta volta pola parroquia de Lens, en horario de 10.00 a 14.00 horas. O sábado 18 de novembro recolleranse cogomelos pola parroquia da Ameixenda, de 11.00 a 17.00 horas. A última saída será o sábado 25 de novembro cunha saída pola parroquia de Agrón, de 10.00 a 14.00 horas.

Trala saída ao monte e despois dun pequeno descanso para comer, farase unha recompilación e estudo detallado das especies atopadas. Trátase dunha actividade familiar que está dirixida a todos os públicos. Ofértanse 40 prazas para cada saída. A inscrición para participar nestas actividades xa está aberta e pecharase o 22 de novembro. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitadas aos participantes.

Castaña que cae no camiño... é para o veciño
Esta é unha das principais novidades que se inclúen na programación de outono deste ano. Trátase dunha saída para recoller castañas que inclúe un magosto e unha charla – coloquio. Será o sábado 14 de outubro.  De 11.30 a 14.00 horas farase unha saída para recoller castañas polos camiños da parroquia de Piñeiro. De seguido, de 14.00 a 15.30 horas, haberá un xantar conxunto no local social de Piñeiro (cada participante ten que levar a súa propia comida). Tralo xantar, de 15.30 a 16.30 horas, realizarase un magosto e tamén haberá un obradoiro infantil. Para pechar a programación de dita actividade, impartirase de 16.30 a 17.30 horas, a charla – coloquio As castañas do meu castiñeiro. As persoas que así o desexen poderán asistir de xeito individualizado a calquera das actividades da xornada.

Os nenos e nenas poderán asistir acompañados por persoal da Aula da Natureza. Trátase dunha actividade que tamén está dirixida a todos os públicos. A inscrición estará aberta ata o 12 de outubro. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro, Bugallido e Bertamiráns.

Acampada na Aula da Natureza
Para o sábado 21 e domingo 22 de outubro está programada unha acampada nas instalacións da Aula da Natureza, que tratará sobre os froitos de outono e noite de candeas. Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos e desenvolverase dende as 17.00 horas do sábado ata as 14.00 horas do domingo. Ofértanse 25 prazas. Os nenos e nenas deberán levar a cea, saco de durmir, roupa cómoda e se queren unha esterilla (isto é opcional).

Conservas de froitas e hortalizas
Para o sábado 11 e domingo 12 de novembro están programados dous obradoiros de froitas e hortalizas que se impartirán nas instalacións da Aula da Natureza. Trátase de actividades enfocadas ao aproveitamento de froitas e verduras de tempada. O sábado 11 haberá un obradoiro de conservación con azucre: marmeladas, confituras, almíbares... O día seguinte, o domingo 12, realizarase un segundo obradoiro, neste caso sobre a conservación de hortalizas: salmoiras, aceites...

Os dous obradoiros impartiranse en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas. As persoas que participen poden levar comida da casa para xantar. Estes obradoiro están dirixidos a persoas de 16 anos en diante. As inscricióna poden realizarse ata o 8 de novembro. Haberá servizo de autobús. Os horarios e paradas serán facilitados aos participantes.

III Feira Tanto Monte / Monte Tanto
Por outra banda, estase traballando na organización da terceira edición da feira Tanto Monte / Monte Tanto, que está prevista para o sábado 4 de novembro no campo da festa de Trasmonte. Trátase dun evento co que se pretende valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte. Haberá expositores de mel, cogomelos, aceite, embutidos, cestería, noces, castañas, froitos do bosque... e unha gran variedade de produtos que nos ofrece o monte. Para participar na feira non é preciso inscribirse e está aberta a todos os públicos.

Ruta teatralizada polo rego da Andoriña: natureza, historia e saúde   
Outra das novidades na programación de outono deste ano é a organización de dúas rutas teatralizada polo rego da Andoriña, que xirarán arredor da natureza, da historia e da saúde. Serán os días 21 de outubro e 19 de novembro. Elaborarase un programa específico para ditas rutas que será presentado proximamente.

Para inscribirse nas actividades da programación de outono hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal indicando a actividade ou actividades nas que se quere participar. Haberá que enviar un impreso de inscrición por persoa. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Novas relacionadas:

Ames Go: "A Aula da Natureza de Ames presentou a súa programación de outono"

Imaxe da presentación da programación de outono da Aula da Natureza

Multimedia

  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza
  • Imaxe da programación de outono da Aula da Natureza