Pestanas principais

Nova edición dos “Encontros Literarios en Ames” con “O caso dos amantes de París”, de Miguel Alonso

Martes, 15 de febreiro de 2022

As bibliotecas municipais amesás acollen no seu segundo encontro literario do ano ao escritor e músico Miguel Alonso, que presentará a súa segunda novela, “O caso dos amantes de París”. Será este xoves 17 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:30 horas. Acompañarán ao autor Irene Quinteiro, profesora e contacontos, e a editora de Belagua Ediciones, Edurne Baines, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. O evento, con entrada libre ata completar aforo, contará con música do propio Alonso.

O departamento de Bibliotecas de Ames organiza deste xeito o que é o seu segundo encontro literario do 2022, unha das súas principais actividades de animación á lectura para as persoas adultas. Con anterioridade, interviran os autores Salvador Lladó, Emma Pedreira, Alfredo Conde e Xosé Luís Santos Cabanas, mentres que a sesión do pasado mes de xaneiro foi dedicada a unha obra colectiva monográfica sobre Xela Arias, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021.

“O caso dos amantes de París”, editada por Belagua Ediciones, é unha novela negra que serve como continuación do anterior traballo do autor, “O caso Quintana”. Ambas están protagonizadas pola detective e estudante de psicoloxía, Laura Mariño, e a súa compañeira de facultade, Sara Porto, que actúa como narradora. Nesta ocasión, e tras alcanzar a fama por resolver o seu caso anterior, Laura vese obrigada a resolver dous novos asasinatos para salvar a súa reputación, nun texto con crítica social e repleto de referencias á “chanson” francesa.

Miguel Alonso (Ferrol, 1984) é un escritor e músico galego. A súa primeira novela, “O caso Quintana”, foi publicada en 2017 e deu inicio a un universo que o autor bautizou como “Os cuartos do cuarto 010”, que continúa na súa segunda novela e que ten como protagonista a Laura Mariño. Na súa faceta musical, forma parte de Minguante, un proxecto de música pop, e da banda infantil Música Miúda, ademais de traballar como profesor de guitarra.

No encontro literario acompañarán ao autor a profesora, contacontos e integrante de Música Miúda, Irene Quinteiro, e a editora de Belagua Ediciones, Edurne Baines. O acto estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Nova edición dos “Encontros Literarios en Ames” con “O caso dos amantes de París”, de Miguel Alonso

Multimedia

  • Nova edición dos “Encontros Literarios en Ames” con “O caso dos amantes de París”, de Miguel Alonso