Pestanas principais

O sábado, 1 de abril, estréase en Bertamiráns a obra de teatro para público familiar “A teteira de Kabul”

Mércores, 22 de marzo de 2023

O vindeiro sábado, 1 de abril, estréase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a función teatral “A teteira de Kabul”, posta en marcha pola Asemblea de Cooperación pola Paz coa colaboración do Concello de Ames. Trátase dun espectáculo familiar baseado no libro homónimo de Carolina Pujadas Torné, e nárrase a historia dunha nena que debe abandonar o seu país por mor da guerra. Os convites son de balde e xa poden retirarse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“A teteira de Kabul” fai un percorrido pola vida de Mina, unha cativa que se ve obrigada a deixar o seu fogar por mor do estalido da guerra no seu país, Afganistán. A protagonista comeza entón unha longa viaxe coa súa familia. A pesar das duras condicións que terá que sufrir, coa axuda das historias que lle conta a súa nai irá descubrindo a beleza durante o seu periplo. Mina gardará todas esas historias nunha pequena teteira, e así poderá tirar delas cando precise que os contos a arroupen.

A obra pretende achegar ao público familiar as vivencias das persoas que se ven obrigadas a desprazarse forzosamente, e, dese xeito, lograr entender outras realidades existentes. Así, búscase lograr a reflexión sobre o papel que xogamos como sociedade e país en canto á acollida, e tamén que o público empatice coas persoas que se ven nesa situación. A representación teatral permitiralle aos asistentes viaxar a outros lugares e contar a historia de Minia desde unha perspectiva construtiva e alentadora.

A peza teatral, de Urdime, está organizada pola Asemblea de Cooperación pola Paz en colaboración co Concello de Ames. A estrea realizarase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, o sábado 1 de abril, ás 18:00 horas. As entradas, que son de balde, poden retirarse xa na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O espectáculo terá unha duración aproximada de 40 minutos.

Creación e interpretación
A dirección e interpretación da obra corre a cargo de Atenea García e Nicolás Zamorano. Ambos crearon a compañía Xarope Tulú, dedicada a público infantil e xuvenil.

García é actriz, creadora escénica e narradora oral. Ademais, traballa como intérprete para outros proxectos, formando parte, por exemplo, da montaxe de “Neorretranca e posmorriña” ou do espectáculo “Mai mai”.

Pola súa banda, Nicolás Zamorano é músico e escenógrafo. Ademais de colabora en numerosos proxectos musicais, realiza obradoiros de construción de instrumentos para a rapazada. Na actualidade compaxina a súa labor como intérprete, escenógrafo e músico en Xarope Tulú coa súa actividade como técnico de luz e son para outros proxectos.

Cartaz da obra de teatro "A teteira de Kabul"

Multimedia

  • O sábado, 1 de abril, estréase en Bertamiráns a obra de teatro para público familiar “A teteira de Kabul”