- Tematica
Calquera veciño ou veciña de Ames con problemas de mobilidade que lle impidan desprazarse en vehículo propio ou en transporte colectivo, poderá acollerse ao servizo municipal de transporte adaptado para achegarse até ao colexio electoral e exercer o seu dereito ao voto nas Eleccións Autonómicas do 12 de xullo. O servizo realizarase con todos os garantes de seguridade e hixiene, será obrigatorio o uso de máscaras e inutilizaranse varios asentos de xeito que se poida manter a distancia de seguridade entre as persoas. Quen queira utilizar o servizo, debe reservar praza de luns a venres, entre as 9:00 e ás 14:00 horas, nos teléfonos 900 204 000 e 662 377 044. Tamén se pode reservar a través do enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal. O prazo para facer a solicitude remata o 10 de xullo.
Nesta ocasión, e por mor das regras que impón a pandemia do COVID-19, o servizo de transporte adaptado incrementa as medidas de seguridade e hixiene. O protocolo establecido inclúe a desinfección completa do vehículo entre servizo e servizo e a obrigatoriedade do uso de máscaras tanto para os usuarias e usuarias como para o persoal que os acompañe e conduza o autobús. Ademais, está previsto que das 11 prazas das que dispón o vehículo, 9 normais e dúas para cadeiras de rodas, só se ocupen cinco en cada quenda, de xeito que se poida manter a distancia de seguridade. Cómpre salientar que nesta ocasión o servizo dará prioridade ás persoas que teñen menos mobilidade e, dependendo da demanda, fará varias viaxes tanto de mañá como de tarde.
Desde que comezou o estado de alerta, o servizo de transporte adaptado sumouse á oferta que o departamento de Servizos Sociais fixo á cidadanía para atender as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos. Ademais de seguir trasladando os amesáns e as amesás con problemas de mobilidade ao médico, á farmacia ou ao supermercado, o servizo levou aos domicilios alimentos, aveños de bebé, menciñas e produtos de farmacia.
O día 12, data fixada para as Eleccións Autonómicas, o transporte adaptado ofrecerá, como vén sendo habitual desde a súa creación, o servizo de recollida no domicilio, o transporte até a mesa electoral e a viaxe de regreso á casa dos usuarios e as usuarias. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto cos encargados da xestión do transporte chamando ao teléfono gratuíto 900 204 000, á liña 662 377 044 ou ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal. O prazo remata o 10 de xullo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames amplía o prazo de prácticas sás e abre o de transporte adaptado"
Revista AMSGO!: "O transporte adaptado funcionará na xornada electoral do 12-X"