Actualidad
[10-01-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o sábado, día 8 de xaneiro, a oitava edición do Trofeo de Nadal de Karate, organizado pola Agrupación Deportiva Galaika coa colaboración da Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico de Ames. Preto de 200 karatecas das categorías de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete participaron neste evento deportivo que foi seguido por máis de 300 persoas. O club local "Deportivo Bispo Guerra Campos" acadou os primeiros postos nas categorías de benxamín masculino e femenino e segundos, terceiros e cuartos postos en alevín masculino, alevín feminino, infantil feminino e xuvenil feminino. O alcalde de Ames, Carlos Fernández e o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, presenciaron a totalidade das probas e entregaron os trofeos.
[10-01-2011] Xornadas para iniciarse na Internet, un curso de iniciación a Windows e Word e un curso para descubrir o entroido na rede son algunhas das actividades que a Aula de Informática do Milladoiro oferta para o primeiro trimestre de 2011. A Aula organizará tamén unhas xornadas de iniciación a Internet para os membros de JUPEMI, o Club de Pensionistas y Jubilados do Milladoiro e un obradoiro de informática para os usuarios/as da Escola de Maiores. O prazo de inscrición nestes cursos comeza hoxe, 10 de xaneiro de 2011. O horario para entregar as solicitudes é de 16:00 h. a 20:00 horas.
[10-01-2011] Esta mañá deron comezo as obras de remodelación da rúa Viorneira do Milladoiro. Os traballos teñen como obxectivo a entrada nesta rúa desde a Avenida Rosalía de Castro e a Nacional 550. As obras, que terán un custo de 13.000 euros, incluirán reformas nas instalacións eléctricas, sumidoiros das augas pluviais, farois e beirarrúas e rematarán previsiblemente o martes 18.
[09-01-2011] O Concello de Ames, como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, está participando en diferentes accións que desenvolve esta entidade. Así as 50 familias da localidade de Baleia, no municipio caboverdiano de Brava, dispoñen xa de auga corrente grazas ao proxecto cofinanciado en 2010 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa repercutirá na mellora da calidade de vida da poboación e axudaralle a saír da precariedade mediante actividades agropecuarias, que son tradicionais na zona pero que se vían afectadas pola carestía da auga.
[09-01-2011] Un ano máis os índices de poboación de Ames continúan subindo chegando neste momento aos 28.955 habitantes. Deste xeito aumenta a cifra con respecto ao ano pasado en preto de 1.000 novos veciños e veciñas e achegándose aos 29.000. Do total de habitantes censados en Ames son algo máis de 20.000 os que se atopan en idade de traballar e máis de 6.300 os que se atopan na franxa situada entre os 0 e os 18 anos. Con respecto á poboación procedente de fóra do concello, son 1.769 os estranxeiros procedentes doutras localidades de España e doutros países europeos, americanos, africanos e asiáticos. Estes datos non son definitivos, pois para completar os datos anuais faltan por contabilizar as altas e baixas dos meses de outubro, novembro e decembro de 2010, polo que o censo oficial de 2010 coñecerase o 1 de marzo de 2011.
[08-01-2011] A Administración local aporta un total de 2.760 euros dentro da convocatoria de axudas para o transporte escolar do curso 2010/2011 co obxectivo de prestar apoio económico a todos aqueles estudantes que cursan estudos de Formación Profesional de grao superior, estudos universitarios ou de réxime especial e outros estudios non impartidos en centros oficiais do termo municipal. As achegas ascenden a un importe único de 120 euros por persoa e curso escolar. Nos próximos días comunicarase por correo postal o resultado da resolución.
[08-01-2011] Desde actividades de limpeza e desbroce ata o acondicionamento de recintos para actos oficiais ou de asociacións, estes son algúns dos traballos que levou a cabo a brigada municipal de obras do Concello de Ames desde maio de 2010. En total, arredor de 6.500 intervencións deste equipo fixeron máis cómoda a vida dos veciños e veciñas de Ames. Os traballos desta brigada están compostos por partes de traballo que son xerados maioritariamente por chamadas feitas ao Concello, por revisións de persoal dependente da concellería de Obras, tamén por peticións solicitadas no rexistro do Concello, por informes da Policía local, por notas internas e en contadas ocasións por chamadas de estrema necesidade a través da escala superior de mando do Concello. Esta brigada conta con máis dunha vintena de persoas en permanente actividade ao longo do ano.
[08-01-2011] O goberno municipal está traballando dende hai varios anos para habilitar e crear novas bolsas de aparcamento nos dous principais núcleos urbanos do municipio, Bertamiráns e O Milladoiro. Nesta última localidade, a máis poboada do concello con 11.842 habitantes, hai varias zonas para que todas as persoas que residen ou se achegan a esta localidade para facer as súas compras poidan estacionar o seu vehículo con total tranquilidade. Existen máis 400 prazas de aparcamento gratuíto se temos en conta o aparcamento da Casa da Cultura, o aparcamento que linda coa travesía do Porto e que está enfronte da EEI Milladoiro, e as prazas de aparcamento que hai ao longo da travesía do Porto e na rúa Palmeiras. Ademais o Concello está traballando para habilitar unha nova bolsa de aparcamento que estará situada entre as rúas Agro do Medio e Curuxa, ao lado do centro comercial SuperCor.
[07-01-2011] O Concello de Ames apoia economicamente actuacións, investimentos e a dotación de infraestruturas das diferentes entidades educativas do concello que redunden na mellora da calidade educativa. Unha das colaboracións establecidas é a subvención para actividades e investimentos levadas a cabo por ANPAS e centros de ensino. O goberno municipal acaba de aprobar a concesión dun total de 26.790 euros entre 10 entidades educativas de Ames. Estas entidades terán de prazo ata o 21 de xaneiro para xustificar o gasto polo que recibiron a devandita subvención.
[07-01-2011] Pasada a Noite de Reis toca facer balance da campaña de recollida de xoguetes de Nadal 'En Ames todos xogamos', que por oitavo ano consecutivo puxo en marcha o Concello de Ames, a través da concellería de Benestar Social e da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Este ano conseguiuse reunir máis de 2.500 xoguetes que foron doados por veciños e veciñas de Ames para repartilos entre os cativos de familias con menos recursos. Preto de 200 pequenos puideron ter un agasallo nestas datas, coa inestimábel colaboración de voluntarios que o fixeron posíbel. O Bertamiráns FC colaborou na iniciativa cunha recollida propia de xoguetes que finalmente entregou ao Concello para o seu reparto.
- ‹ anterior
- 1375 de 1377
- siguiente ›