Na xornada de onte, domingo 23 de febreiro, celebrouse a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que este ano se superaron amplamente as cifras de participación de edicións anteriores con 672 persoas inscritas. En canto aos gañadores, a primeira en cruzar a liña de meta na categoría absoluta feminina do trail longo foi Nerea Castro, cun tempo de 01:35:26, mentres que o primeiro posto na categoría masculina foi para Jorge Puig, que finalizou cunha marca de 01:17:23. Como novidade deste ano, a proba incluía o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic, traendo a algúns dos mellores deportistas nesta disciplina. Eloy Martínez, participando como independente, acadou a vitoria na categoría masculina desta modalidade e, pola súa banda, Emma Méndez, de Atlética Lucense, conseguiu o primeiro posto na categoría feminina. Nos resultados por equipos, o Club Atletismo Cambados volveu a alzarse coa vitoria. Pódense consultar os resultados completos da proba na seguinte ligazón e acceder á galería completa de imaxes nesta outra ligazón.