Actualidade

Ex., 26-04-2025
Ex., 26-04-2025
Luns, 14 de outubro de 2019
Imaxe da Casa do Concello

Este martes, 15 de outubro, celebrarase unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, para realizar o sorteo, de xeito aleatorio, das persoas que ocuparán as 35 mesas electorais de Ames nas próximas eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, eleccións que terán lugar o domingo, 10 de novembro. Dita Xunta de Goberno Local, que se realizará no salón de plenos da Casa do Concello, será aberta a toda a veciñanza que queira acudir. Un total de 24.041 persoas poderán votar en Ames. O persoal do Concello será o encargado de notificarlle a cada persoa que saía elixida que forma parte dalgunha das mesas electorais.

Sábado, 12 de outubro de 2019
O Concello instalou unha carpa con información sobre o proxecto de compostaxe de residuos orgánicos municipais

O Concello de Ames instalou, no mercado de rúa de Bertamiráns, unha carpa con información sobre o proxecto de compostaxe de residuos orgánicos municipais. O obxectivo era concienciar sobre a importancia de facer unha boa separación do residuo orgánico e que a veciñanza poida coñecer o proceso da compostaxe. Un proceso que despois de seis meses de elaboración, coñécense agora os seus primeiros resultados. Neste reparto participaron o concelleiro do Medio Rural, Manuel Lens, a técnica de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, e representantes de ADEGA.

Sábado, 12 de outubro de 2019
Formación aplicación TokApp School

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa de que a partir do 15 de outubro enviáraselle información (avisos, notificacións, incidencias, etc.) ás familias usuarias da Rede municipal de comedores escolares a través da plataforma de comunicación TokApp School. O persoal da Escola de música e do departamento de Educación, no que proximamente se vai implantar tamén este novo sistema de avisos, participou esta semana nunhas xornadas de formación desta aplicación TokApp.

Sábado, 12 de outubro de 2019
Entrega do cadro ao IES Luis Seoane

A Casa Escola Obradoiro da palilleira amesá, Ana Rosa Lista, está na actualidade impartindo clases de encaixe galego popular no centro social A Nosa Galicia de Xenebra. A palilleira amesá, que é mestra de encaixe da Xunta de Galicia, estará en Suíza ata o 22 de outubro ofrecendo este obradoiro a 17 alumnas en horario de tarde. Ademais, acudiu a semana pasada ao IES Luís Seoane, de Pontevedra, para presentar a exposición na que reproduciu 17 cadros do pintor e xornalista, Luís Seoane, feitos con mistura de encaixe e pintura. O Concello ten a intención de poder expoñer esta mostra proximamente en Ames.

Venres, 11 de outubro de 2019
Imaxe da presentación da segunda edición do Premio Lingua e Empresa

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, pon en marcha por segundo ano consecutivo o Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 31 de outubro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar.

Venres, 11 de outubro de 2019
Cartel da I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”

A localidade do Milladoiro acolle este sábado, 12 de outubro, a primeira edición da Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”, un evento solidario que se desenvolverá na contorna da Casa da Cultura  e do pavillón polideportivo. A Asociación Ángeles caídos sobre ruedas e o grupo Bikersolitari@s, en colaboración co Concello de Ames, organizan esta xornada na que haberá un mercadillo e cea solidaria, diferentes exposicións, exhibicións e música. Ao longo de toda a xornada haberá diferentes actividades: mercado solidario, actuacións musicais, exposición de motos e de de Agilitty, etc.

Venres, 11 de outubro de 2019
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle hoxe a gala de entrega de premios do proxecto Enreguéifate

O certame Enreguéifate entrega os premios da edición 2019 hoxe venres 11 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal de Santiago, nun acto cheo de música e humor en verso. O acto estará conducido por catro (re)coñecid@s regueifeir@s: Sechu Sende, Olalla Liñares, Manolo Maseda e Lupe Blanco e contará tamén coa actuación musical de García MC. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade da sala. O proxecto Enreguéifate está promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo.

Xoves, 10 de outubro de 2019
Foto da executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, asistiu esta mañá á Asemblea Xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde se aprobou por unanimidade a composición da Comisión Executiva, que rexerá a entidade nos próximos catro anos. O Concello de Ames pasa a ocupar unha das vogalías da Comisión Executiva. O Concello de Nigrán renova a Presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a Vicepresidencia será para a concelleira de San Sadurniño Ana Breixo e a Tesourería para o concelleiro de Cartelle Daniel Fernández Carril. O resto de vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Moraña e Deputación de Lugo. A Secretaría continuará exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), impulsor da iniciativa nos anos 90.

Xoves, 10 de outubro de 2019
Remodelación da rotonda do Pedregal

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, informa dos cambios na circulación do tráfico que se van a realizar na rotonda do Pedregal e na estrada que vai cara os lugares de Cantalarrana e Carballido. Estas modificación na circulación están motivadas polas obras, executadas recentemente, que se realizaron nestas lugares. Os traballos de pintado estanse facendo esta semana. No momento en que estean rematados ditos traballos, estarán en vigor os novos sentidos de circulación. Deste xeito, pretendese mellorar a seguridade peonil.

Xoves, 10 de outubro de 2019
Imaxe do lugar de Pedrouzos

Esta mañá celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a adxudicación do subministro de equipos para a renovación do alumeado público de Oca e Raíces e nas estrada de Pedrouzos, Paramuíño e Cortegada. Outros asuntos aprobados foron a clasificación de ofertas para a adxudicación das obras incluídas no proxecto do camiño de Firmistáns á estrada de Tarrío e do camiño a Ínsua; así como a clasificación de ofertas das obras nos vestiarios do pavillón de Bertamiráns. Tamén se aprobaron os expedientes de licitación das obras de eliminación de barreiras en Bertamiráns e no Milladoiro, enmarcadas dentro da EDUSI, e do servizo privado artístico de desenvolvemento do espectáculo Maxia de Estrelas 2019.