Actualidade

A Asociación Europea de Economía e Competitividade concedeu á empresa tecnolóxica amesá Tecalis o Premio Europeo á Xestión e Innovación Empresarial 2019. A distinción recoñece ás empresas máis representativas que apostan pola busca de novas fórmulas de innovación empresarial. Ademais a empresa, que naceu no ano 2011, foi posta fai uns meses no lugar 145 das 1.000 empresas que máis crecen en Europa.

Este martes, 15 de outubro, realizouse un pleno extraordinario a petición dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular no se debateron dous puntos. O primeiro referíase á anulación do procedemento de adquisición directa dun local para dedicalo a un novo centro de coworking, así como á anulación do expediente que recolle a aprobación da licitación de adquisición dun ben inmoble, por procedemento aberto, para destinalo a un espazo de traballo colaborativo de coworking. No segundo punto solicitábase convocar aos representantes dos grupos municipais a unha xuntanza co fin de afrontar a adquisición dun local, na zona do Milladoiro, para dedicalo a un espazo de coworking. Os dous puntos foron rexeitados co voto en contra dos membros do goberno e do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Os concelleiros/as do Partido Popular votaron a favor, mentres que o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

O obradoiro de relaxación, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames, dará comezo o próximo 22 de outubro e impartirase todos os martes, en horario de 10.30 a 12.00 horas. As prazas son limitadas polo que é necesario inscribirse chamando ao 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Despois do éxito da saída ao campo do pasado sábado en busca de diferentes especies de cogomelos, este sábado 19 de outubro continúan as actividades micolóxicas organizadas pola Aula da Natureza co desenvolvemento do curso de iniciación nos cogomelos, que inclúe outra saída. As persoas que estean interesadas en inscribirse en dito curso, aínda están a tempo de apuntarse nas últimas prazas enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información sobre estas xornadas micolóxicas, pódese chamar ó 660 004 665.

Membros do goberno municipal visitaron a semana pasada os lugares de Fraíz e A Moniña, ambos na parroquia de Biduído, para comprobar o estado no que quedaron os viarios nos que se executaron obras de mellora. Este proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Cernadas S.L. por un importe de 102.811,75 euros, IVE incluído. Estas actuacións estaban incluídas no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+2018” da Deputación da Coruña.

Os Quinquilláns Teatro chegan este venres, 18 de outubro, ao concello de Ames coa súa obra Language Planning. Este espectáculo, baseado na obra Made in Galiza de Séchu Sende, está dirixida a un público adulto, e representarase ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O custe das entradas, que xa están dispoñibles na billeteira electrónica do concello, ten un custe de 2 euros a xeral e 1 euro a reducida.

As bibliotecas municipais de Ames continúan coa programación de actividades para este mes de outubro. Esta semana haberá dúas sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. Así, o mércores 16 na biblioteca de Bertamiráns, e o xoves 17 na biblioteca do Milladoiro, os nenos e nenas poderán desfrutar dos Contos que veñen e van, con historias tradicionais e actuais onde as voces e os xestos de Pavís Pavós son os elementos principais para transmitilas. A sesións comezarán ás 17:30 horas. Esta mesma semana tamén se desenvolverá o obradoiro creativo: Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína.

Esta mañá presentouse na Sala de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro unha nova edición do programa Espazos das Familias- Preescolar na Casa. Este, que está organizado polo Concello de Ames en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, está dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos. O programa ten como obxectivo reflexionar e debater sobre educación, ademais de compartir tempos e espazos lúdicos cos fillos e fillas.

O pasado xoves, 10 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago a celebración da primeira edición en Galicia de Emprende Innova Comparte, un evento organizado por Acción Contra a Fame, en colaboración co Concello de Ames e outras institucións. Ao longo da xornada organizáronse talleres participativos, networking e un concurso final onde a amesá, Lucía Nieto, obtivo o premio mentorización, que lle axudará a posicionar a súa futura empresa. A dito evento asistiron 32 persoas, mentres que no concurso participaron 12 emprendedores/as.

Con motivo da celebración o próximo xoves 24 de outubro do Día da Biblioteca, o departamento municipal de Bibliotecas do Concello de Ames inicia unha programación especial con actividades que fomentan a lectura e o uso destas instalacións municipais. Haberá visitas guiadas polas bibliotecas, contacontos para os máis pequenos, premio a “superlectores/as” ou recomendacións de libros.
- ‹ anterior
- 509 de 1376
- seguinte ›