Actualidade

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron o convenio polo cal o organismo provincial e mailo Concello van a investir 357.303 euros nas obras de renovación do campo de fútbol de Bertamiráns, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores. O convenio para cofinanciar ditos traballos foi aprobado o pasado 13 de setembro no pleno da Deputación da Coruña. A Deputación achegará o 80% da contía total, 285.906 euros, mentres que o Concello de Ames porá o 20% restante, 71.397 euros.

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza varias actividades micolóxicas para os meses de outubro e novembro. Ademais de dúas saídas ao campo, o 12 de outubro e o 23 de novembro, este ano engádense á lista de actividades dispoñibles dous cursos para un maior coñecemento dos cogomelos e unha exposición de acceso libre na Praza do Concello.

A Concellaría de Benestar Social informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará o día 10 no Milladoiro e o día 11 en Bertamiráns. No Milladoiro, o vehículo estacionará na rúa Cruxa, na intersección coa rúa Rosalía de Castro; mentres que en Bertamiráns estará ao carón da praza da Maía. En calquera das dúas localidades, os doantes poderán achegarse en horario de 15.30 a 21.00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.

Esta mañá presentouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o XIV Festival de Maxia de Ames, que se desenvolverá do 21 ao 27 de outubro nas casas da cultura e centros de ensino do concello. Este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros máxicos dirixidos a todos os públicos. Para participar nos obradoiros de maxia para nenos de entre 8 e 14 anos é necesario inscribirse a través do teléfono 981 535 940 do 21 ao 25 de outubro.

Este vindeiro sábado, 12 de outubro, a partir das 10.00 horas, celebrarase a quinta edición do Camiño da Diversidade, que organiza a Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados). Os/as participantes sairán da Escravitude (Padrón) para percorrer parte da ruta portuguesa ata a praza do Obradoiro. Esta mañá no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, realizouse a presentación desta quinta edición do Camiño da Diversidade.

Este mércores, 9 de outubro, ás 18.30 horas, terá lugar a primeira xuntanza do programa Contramapas do camiño. Memorias do habitar no local social de Augapesada (na parroquia de Ames). Trátase dun programa no que participa a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración cos concellos da comarca (Teo, Ames, Touro e Santiago de Compostela) para a promoción dos diferentes Camiños da Ruta Xacobea. Nesta xuntanza participarán Candela Rajal e Estela Freire, representantes do grupo de investigación Liter 21 que se encarga de desenvolver o proxecto, e Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social do Concello de Ames.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 11 de outubro, a obra de teatro infantil, Comenoites, da compañía Os Náufragos Teatro. A obra entra dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Industrias Culturais e o Concello de Ames, na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Esta baséase no conto infantil escrito e ilustrado por Ana Juan (Premio Nacional de Ilustración). Haberá dúas sesións: a primeira ás 17.00 e a segunda as 18.00 horas. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 4 euros en tarifa xeral e 2 euros na reducida.

A Concellaría de Deportes vén de anunciar o remate das obras de colocación de pavimento de tarima flotante de madeira no anexo do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Estas obras tiveron un custo de 9.041,42 euros e foron executadas pola empresa Galitec. Esta actuación únese aos traballos feitos xa o verán pasado nos que se cambiou o pavimento dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro por 138.538 euros.

O Concello de Ames pon en marcha o programa de conciliación Nadal Lúdico, dirixido aos nenos e e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria que se encontren empadroados no Concello de Ames. Este programa, que terá lugar os días 23, 24, 26, 27, 30, 31 de decembro de 2019, e o 2, 3 e 7 de xaneiro de 2020, ten como finalidade ofertar unha alternativa que permita as nais e pais conciliar vida laboral e familiar, ocupando o tempo de lecer dos máis pequenos de maneira divertida e educativa.

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina do Voluntariado de Ames (OVA), porá en marcha o próximo luns, 21 de outubro, unha nova actividade de deseño de interiores para principiantes. O curso impartiranse os luns, de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ofértanse 15 prazas e as inscricións pódense realizar de xeito presencial na OVA, ou a través do teléfono 662377044.
- ‹ anterior
- 511 de 1376
- seguinte ›