Actualidade

Preto de vinte veciños e veciñas de Ames participaron este pasado domingo, 29 de setembro, na xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consistiu, en Ames, na limpeza das dúas beiras e a canle do Rego dos Pasos. O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, participaron desta xornada de limpeza de ríos e regatos.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de pavimentación para a mellora do viario de acceso ao polígono do Milladoiro dende a estrada Ventín-Coira. Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Pose SL, por un importe de 59.895 euros. Para executar este proxecto o Concello de Ames recibiu unha axuda da Xunta de Galicia. Deste xeito, abrirase un novo acceso ao polígono, a través do cal poderán circular os camións, evitando así que atravesen o núcleo urbano do Milladoiro.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar 10 novas concesións de nichos e columbarios do cemiterio municipal de Ames. Deste xeito, adxudicáronse 4 concesións (1 panteón tipo A de 3 nichos e 1 columbario; e 3 columbarios) por un período de 25 anos e 6 concesións (5 columbarios; e 2 nichos independentes) por un período de 75 anos. Das concesións adxudicadas, 7 licitadores efectuaron o ingreso do 100% da totalidade do canon ofertado, mentres que 3 licitadores aboaron o 50% do canón. En relación aos que ingresaron unicamente o 50%, o restante 50% ten que ser ingresado no prazo máximo de 6 meses e, de non ingresarse no prazo indicado, quedarían excluídos da concesión.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames iniciará 12 novos cursos nos meses de outubro e novembro. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Un ano máis, o Concello de Ames apostou pola promoción do deporte, unha actividade lúdica e mental que mellora substancialmente a vida de quen o practica. Por este motivo, a Concellaría de Deportes organizou no Milladoiro unha nova edición do Día do Deporte, no que a veciñanza amesá puido participar en diferentes deportes ao longo de toda a xornada. Así, as e os asistentes participaron de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez ou piragüismo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates. Ademais, o Concello ofreceu a posibilidade de probar novas disciplinas nesta edición, como o squash e o golf.

As bibliotecas de Ames xa contan coa programación de actividades para o último trimestre do ano. Esta semana comezan as mesmas coa celebración de dúas sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. A compañía Eduvía achegará ás biblitecas amesás o seu espectáculo Dadá el duende, co que os pequenos e pequenas da casa poderán gozar dos contos nos que se traballan valores como a convivencia e a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. Haberá unha sesión o mércores, 2 de outubro, na Biblioteca do Milladoiro, e outra o xoves, 3 de outubro, na Biblioteca de Bertamiráns. Ambas sesións comezarán ás 17:30 horas.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o próximo sábado, 5 de outubro, o espectáculo Cantacontos a través de Fiestra. Manolo Boquete e Roberto Feáns farán gozar ás familias asistentes, ao máis puro estilo da antiga radionovela, cun relato adornado con sons de ambiente e intercalado con cancións recollidas no libro A fiestra dos soños. Unha proposta familiar, con entrada de balde, para a que haberá que contar con invitación. Os interesados e interesadas poderán recoller os convites, a partir de hoxe luns, 30 de setembro, na conserxería da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de tarde. O espectáculo comezará ás 18:00 horas.

O goberno municipal formado por PSdeG, BNG e Contigo Podemos vén de cumprir 100 días de traballo dende o pleno de investidura celebrado o pasado 15 de xuño. Durante este tempo destaca o volume de actividade na xestión, a normalidade institucional e a estabilidade política. Durante estes primeiros meses de mandato o goberno municipal centrouse en poñer a andar as novas concellarías cos novos responsables de área impulsando os ámbitos educativo, deportivo, social, medio rural, infraestruturas, novas tecnoloxías e económico.

Un ano máis bota a andar o programa "Amessan", que inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de decoración e restauración, así como obradoiros de música tradicional e de estimulación cognitiva. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, na Casa dos Maiores do Milladoiro, e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Este ano o programa inclúe algunhas novidades, entre as que destaca a creación dun obradoiro de teatro e corporalidade e outro de decoración e restauración. O grupos teñen que estar formados como mínimo por oito participantes.

A Corporación municipal aprobou no pleno ordinario de setembro un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking. Ademais, aprobouse por unanimidade a adhesión á Central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); a aprobación do proxecto modificado da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos; e maila proposta do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, relativa á instauración dunha hora sen ruído en todas as festas do Concello de Ames.
- ‹ anterior
- 513 de 1376
- seguinte ›