Actualidade

Un ano máis bota a andar o programa "Amessan", que inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de decoración e restauración, así como obradoiros de música tradicional e de estimulación cognitiva. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, na Casa dos Maiores do Milladoiro, e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Este ano o programa inclúe algunhas novidades, entre as que destaca a creación dun obradoiro de teatro e corporalidade e outro de decoración e restauración. O grupos teñen que estar formados como mínimo por oito participantes.

A Corporación municipal aprobou no pleno ordinario de setembro un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, para financiar o proxecto de adquisición dun ben inmoble para o seu uso como centro Coworking. Ademais, aprobouse por unanimidade a adhesión á Central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); a aprobación do proxecto modificado da segunda fase de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos; e maila proposta do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, relativa á instauración dunha hora sen ruído en todas as festas do Concello de Ames.

Este sábado, 28 de setembro, realizarase na área deportiva do Milladoiro unha nova edición do Día do Deporte e maila III Carreira e Andaina da Familia. Con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, que se celebra do 23 ao 29 de setembro, a Concellaría de Deportes preparou un programa específico de actividades para conmemorar esta data. Ao longo de todo o día impartiranse diferentes actividades deportivas entre as que destacan, ao ser novidade, o squash e o golf. Na Carreira e Andaina da Familia hai inscritos/as un total de 263 persoas. Toda a recadación de dita carreira irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia.

A Asociación Cultural Antonio Santomil, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo un concerto de corais para conmemorar o Día Internacional da Música. A Coral Polifónica de Bugallido, a Coral Polifónica Fonte do Souto de Culleredo e a Coral Polifónica Ars Cantorum de Ponteareas serán as encargadas de levar a música ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O concerto terá lugar este domingo, 29 de setembro, ás 20:00 horas con entrada de balde.

O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, foron recibidos este pasado martes, 24 de setembro, pola conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García. Nesta reunión abordaron asuntos de interese para Ames, como por exemplo seguir ampliando as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), reforzar o apoio aos servizos sociais municipais a través do Plan Concertado, o desenvolvemento dun programa de inclusión, e a posible posta en marcha dun Centro social para os maiores.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames (OMIX) organiza para o vindeiro sábado 5 de outubro, un novo curso de dinamización de eventos infantís. O curso, que estará orientado ao desenvolvemento de actividades de entretemento, desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00h a 14:00h e de 15:30 a 19:30h. Para participar deste curso é preciso anotarse, enviando a ficha de inscrición cuberta xunto cunha fotocopia do DNI ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal. O curso está dirixido a mozas e mozos maiores de 18 anos. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 25 de setembro e o 2 de outubro. Ao remate desta nova poderás obter o impreso de inscrición.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, puxeron en marcha as accións formativas do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Onte mércores, 25 de setembro, desenvolveuse a primeira sesión en torno á idea de negocio e a proposta de valor. Hoxe xoves, os asistentes puideron introducirse nos estudos de mercado e competencia, facendo unha análise da mesma e dando a coñecer as técnicas de investigación. Estas actividades son impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

A escritora e veciña de Ames, Dru Parbel, presentará este sábado, 28 de setembro, ás 12.00 horas na Biblioteca de Bertamiráns, o libro de literatura infantil, Ben va al cole. Acompañada da concelleira de Cultura, Natividade González, a autora dará a coñecer este novo título, que ve a luz coa intención de ensinar e mostrarlles aos nenos e nenas, de forma amena, como coñecer e actuar fronte ao "bullying", tan actual nos colexios hoxe en día. Dende a Concellaría de Cultura apóstase pola posta en valor dos espazos culturais de Ames e anímase aos escritores e escritoras do concello a dar a coñecer as súas obras nos mesmos, favorecendo as sinerxias coa veciñanza e achegando a literatura a toda a poboación.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 27 de setembro, ás 21.00 horas, o espectáculo Un verso, un cantar, da compañía Queiman e Pousa. Trátase dun espectáculo ambientado a principios do século XX onde a poesía e a canción van da man, en homenaxe á emigración Galega. A entrada é de balde ata completar aforo.

Como é habitual nos últimos anos, o Concello de Ames aproveitará a celebración do Día do Deporte, este sábado na área recreativa do Milladoiro, para achegar á veciñanza a práctica de novas disciplinas deportivas. Desta volta, desde a Concellaría de Deportes apóstase polo squash e o golf e, por tal motivo, o amesán Borja Golán, bicampión de Europa de squash e campión de España en 16 ocasións, e Alejandro Beiras, director deportivo do Real Aeroclub de Santiago, presentaron esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Ames as actividades a desenvolver o próximo sábado. Acompañados da concelleira de Deportes, Susana Señorís, ambos destacaron a importancia de achegar a práctica destas discilinas deportivas aos nenos e nenas na súa etapa de formación.
- ‹ anterior
- 514 de 1376
- seguinte ›