Actualidade

Durante este mes de setembro o club Ames Atletismo está organizando unhas xornadas de portas abertas os luns, mércores e venres, as 18:00 horas, nas instalacións de Biduído (detrás do colexio de Ventín). Ames Atletismo é un novo club de atletismo de base que nace co propósito de ensinar tódalas disciplinas do atletismo dun modo divertido e formando en valores coma o esforzo, a constancia e o compañeirismo, tan presentes neste gran deporte.

A asociación amesá de sendeirismo e montañismo, Rutasapie, prepara unha nova ruta, esta vez polo río Tambre. Será este sábado, 21 de setembro. Haberá servizo de autobús, que sairá da estación de autobuses de Santiago de Compostela ás 08.45h, pasando pola estación de tres ás 08.50h, e polo aparcamento de Santa Marta ás 9.00 horas. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese chamar ao número de teléfono 628 28 79 57 ou enviar un correo ao enderezo clubrutasapie@gmail.com. Trátase dunha ruta de 14,12 quilómetros de distancia, cun desnivel de 518 metros e dificultade doada.

O alcalde de Ames, José Miñones, acudirá este xoves, 19 de setembro, a Castellón onde o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, presidirá o acto de entrega de distincións de “Ciudad da Ciencia y la Innovación”. O Concello de Ames logrou este distintivo na última convocatoria, correspondente ao 2018, xunto a Onda, Benidorm, Paterna, Barcelona, Vigo e Eibar. Ames foi merecedor de tal distinción gracias á presentación do proxecto Innov@mes. O Concello pasa a formar parte dos 72 Concellos que conforman a Red Impulso e dos 5 de toda Galicia con Vigo, Coruña, Santiago e Riveira.

Ames Jazz chega este venres, 20 de setembro, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Mónica de Nut e Virxilio da Silva, por unha banda, e Xacobe Martínez Antelo Trío, pola outra, serán os encargados de dar continuidade á aposta do Concello de Ames por este formato musical, que viviu o seu primeiro encontro en xuño do ano pasado. Ames Jazz comezará ás 22:30 horas e con entrada de balde. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

O Concello de Ames está realizando ao longo desta semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebra do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Deste xeito, dende a Concellaría de Mobilidade anímase á veciñanza a que participe este venres, 20 de setembro, ás 22.00 horas, na marcha ciclista nocturna con saída e chegada na Praza do Concello, e que pasará pola Condomiña, Sisalde e Agro do Muíño. Aínda que non é obrigatorio inscribirse, recoméndase facelo para ter unha previsión dos asistentes. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: mobilidade@concellodeames.gal.

O próximo venres, 27 de setembro, terá lugar unha nova Foliada con Apego no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 18.00 horas. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír un espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Nesta ocasión, volven a unirse á festa os artistas Pablo Díaz e Olga Kirk. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, o seu nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo xoves, 26 de setembro.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 17 de setembro, a presentación dunha nova edición do Día do Deporte e a realización da III Carreira e Andaina da Familia, que se levarán a cabo o sábado, 28 de setembro, no Milladoiro. Con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, que se celebra do 23 ao 29 de setembro, a Concellaría de Deportes preparou un programa específico de actividades para conmemorar esta data. Na presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, representantes de ASANOG e o técnico de Deportes, Alberto Viaño. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do triplo crime machista ocorrido este luns, 16 de setembro, no municipio de Valga. Con estas tres novas vítimas mortais xa son cinco as mulleres asasinadas este ano en Galicia por violencia machista. En marzo houbo outro asasinato en Valga e en xullo un en Vilalba.

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Nestas xornadas participarán 50 persoas, na súa maioría docentes. Inicialmente ofertábanse 40 prazas pero, dada a demanda existente, decidiuse incrementalas ata 50 para darlle cabida a todas as persoas interesadas.

A nena amesá, Antía Lourido Villasenín, patinadora do club Ágora, participará os días 18 e 19 de outubro no Campionato de España de Patinaxe Artística. A rapaza de 11 anos desprazarase a Zaragoza, xunto coa súa adestradora, Carla Iglesias Del Salvador, e cos demais membros da Federación Galega, para representar a Galicia en dito campionato. Antía Lourido Villasenín acadou a clasificación no Campionato Galego de Patinaxe Artística celebrado no pasado mes de xullo en Gondomar.
- ‹ anterior
- 517 de 1376
- seguinte ›