Actualidade

A Casa dos Maiores xa é unha realidade no Milladoiro. O Concello de Ames e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) levaron a cabo, este venres, a súa inauguración no baixo do número 3 da rúa Figueiras, no antigo local de JUPEMI. O Concello de Ames procedeu a municipalizar a súa xestión o pasado mes de abril, recollendo unha vella demanda do colectivo. Nun local ateigado para á ocasión, os asistentes puideron gozar dunha pequena merenda con doces elaborados polos socios e socias de JUPEMI.

O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña de control especial sobre distraccións ao volante, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 22 de setembro. A Policía Local de Ames colaborará no control da vixilancia de factores como o uso indebido do móbil, navegadores GPS ou outros dispositivos. Asemade, esta semana entra en funcionamento tamén o radar para a campaña de velocidade, priorizando o seu uso en zonas escolares e aquelas outras onde se están a recibir queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade á que circulan os coches.

O programa Sanauga abre este luns, 16 de setembro, o prazo de inscrición para o curso 2019-2020. Este programa de actividades acuáticas, posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044.

O Concello de Ames desenvolverá a próxima semana unha serie de actividades para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrará do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camiña e pedalea de maneira segura”. Co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, circular e camiñar de forma segura, haberá actividades reivindicativas e de seguridade viaria, charlas nos institutos do concello, un concurso de debuxo, marchas e andainas familiares, etc. Trátase de concienciar á veciñanza sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron esta semana unha xuntanza co director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na que acordaron a sinatura dun convenio, ao longo deste ano e ligado ao orzamento da Xunta de 2020, para transferir a avenida da Maía ao Concello de Ames. A Xunta financiará con algo máis de 140.000 euros a mellora do firme da travesía AC-543, en Bertamiráns, unha vez que o Concello de Ames asuma a titularidade desta tramo estrada.

Ata o próximo día 23 de setembro está aberto o prazo para inscribirse nunha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura En galego, co teu acento! Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, durante os meses de outubro e novembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade).

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña investirán 357.303 euros nas obras de renovación do campo de fútbol de Bertamiráns, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e dunha bancada máis cómoda para os espectadores. O convenio para cofinanciar ditos traballos foi aprobado hoxe no pleno da Deputación da Coruña. A Deputación achegará o 80% da contía total, 285.906 euros, mentres que o Concello de Ames porá o 20% restante, 71.397 euros.

Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, mantiveron unha xuntanza cos representantes da consultora do transporte metropolitano para explicarlles as alegacións presentadas polo Concello de Ames ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte metropolitano, así como para solucionar dúbidas sobre o proceso de licitación. En dita reunión os representantes da consultora do Transporte metropolitano trasladáronlle ao goberno municipal a viabilidade das alegacións presentadas e consideran que son coherentes e é posibles levalas a cabo. O rexedor municipal e maila concelleira de Mobilidade tamén se interesaron sobre a accesibilidade, a problemática dos carriños de bebé, as paradas e o sistema informatizado.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e a técnica de Turismo, Sonia Moure, participaron en A Estrada do II Encontro Leader Galicia que, baixo o epígrafe “O Leader e o turismo como dinamizadores do rural”, serviu para poñer de relevancia o investimento, a innovación e a cooperación que necesita Galicia para impulsar o rural galego. Asemade, púxose en valor o respaldo prestado desde esta medida a proxectos asociados ao desenvolvemento turístico, que entre 2007 e 2013 levou a cabo 644 iniciativas que posibilitaron a creación de 161 postos de traballo e a consolidación doutros 268.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 12 de setembro, a adxudicación da obra de construción do novo comedor do CEIP A Maía. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de 389.575,76 euros, está incluído dentro do Orzamento municipal de 2019 e será sufragado con fondos propios do Concello de Ames. Coa construción desta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, xa que é unha demanda da comunidade educativa de Ames. Asemade, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación, David Santomil, achegáronse esta mañá ata o CEIP da Maía para comunicar á dirección do centro educativo a adxudicación das obras de construción do novo comedor, cuxos traballos contan cunha duración estimada de catro meses.
- ‹ anterior
- 518 de 1376
- seguinte ›