Actualidade

Ex., 27-04-2025
Ex., 27-04-2025
Luns, 23 de setembro de 2019
Programación da A Aula de Informática do Milladoiro para o último trimestre do ano

A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo para anotarse nos cursos que ofrece para este último trimestre do ano 2019. A oferta está formada por un obradoiro de mecanografía para adultos; outro de correo electrónico tamén para maiores de 16 anos; e un curso de iniciación á programación con Scratch, dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos. Ao remate desta nova poderás obter a solicitude de inscrición dos diferentes obradoiros, que son gratuítos.

Sábado, 21 de setembro de 2019
O alcalde realizou unha visita institucional á nova Valedora do Pobo

O alcalde de Ames, José Miñones, vén de manter unha xuntanza coa nova Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, na que a invitou a visitar o concello de Ames. Nesta reunión tamén se tratou o tema da accesibilidade no que o Concello está a realizar un importante investimento nestes últimos anos e trasladáraselle unha planificación dos proxectos que se pretenden executar nesta materia de cara aos vindeiros anos.

Sábado, 21 de setembro de 2019
Cartel do proxecto Youtubeir@s

O Proxecto Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Este programa ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.  Youtubeir@s encara neste outono o treito final desta terceira edición. Así, até o vindeiro 27 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua poidan competir nos Premios Youtubeir@s, que neste 2019 repartirán  6.500 euros nas diferentes categorías en que se divide o certame.

Sábado, 21 de setembro de 2019
Os grupos de música e baile tradicional de Ames manteñen aberto o prazo de inscrición durante o mes de setembro

Diferentes asociacións de Ames manteñen aberto durante este mes de setembro o prazo de inscrición para participar dos diferentes grupos de música e baile tradicional que ofertan para este próximo curso. A concellaría de Cultura aposta un ano máis pola promoción dos valores tradicionais no eido artístico, fomentando o asociacionismo, facilitando os locais para desenvolver as diferentes actividades, e animando á veciñanza a participar das mesmas. Así, as asociacións culturais Os Retranqueiros, Os Castros, Follas Novas e Terras de Ames ofertan diferentes aulas de música e baile tradicional que comezarán o próximo mes de outubro.

Venres, 20 de setembro de 2019
Os Concellos de Ames, Brión, Dodro, Padrón e Santiago avanzan no impulso da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía

Este pasado mércores, 18 de setembro, o concelleiro de Turismo do Concello de Ames, Manuel Lens, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse en Padrón cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión, Dodro, Padrón e Santiago, co obxectivo de seguir avanzando no impulso da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Así, durante o encontro, entre outros temas, aprobouse a incorporación do Concello de Dodro a este grupo de traballo; analizáronse as diferentes propostas legais para facer un convenio/protocolo co obxectivo de poder optar a axudas económica e perfilouse a programación para o ano 2020.

Venres, 20 de setembro de 2019
encontro maiores

Co gallo da celebración do Día Internacional das Persoas Maiores, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, organiza o I Encontro de Maiores de Ames. O pavillón do IES do Milladoiro, situado no número 5 do Paseo da Igualdade, acollerá esta primeira xuntanza deste colectivo amesán, cunha gran festa que incluirá un xantar, música e xogos. Será o sábado, 5 de outubro, a partir das 13:30 horas. O prezo por persoa é de 15 euros e os interesados e interesadas en apuntarse pódeno facer nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns; na Casa dos Maiores do Milladoiro, na rúa Figueiras, número 3; ou na Casa do Concello.

Venres, 20 de setembro de 2019
 Imaxe aérea da praia fluvial de Tapia

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizan para mañá sábado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha travesía a nado composta de tres probas para un total de cinco categorías. Na actualidade hai inscritas arredor de 70 persoas. As inscricións para este proba pecharanse este venres, 20 de setembro, ás 18.00 horas, ou ao completar o número de prazas dispoñibles. A primeira edición da Tapia Swinway conta coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

Xoves, 19 de setembro de 2019
Acto de apertura das xornadas de toponimia no ensino

O alcalde de Ames, José Miñones, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participaron na tarde de onte no acto de apertura das I Xornadas de Toponimia no Ensino. Estas xornadas están organizadas polo Concello de Ames e pola Xunta de Galicia e contan coa colaboración da Real Academia Galega (RAG). A iniciativa amosa o valor dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística e xurdiu a raíz da publicación do traballo Toponimia de Ames, de Xosé Ramón López Boullón, que viu a luz grazas á colaboración do Concello de Ames co Seminario de Onomástica da RAG.

Xoves, 19 de setembro de 2019
Ames súmase á conmemoración do Día Mundial do Alzheimer

Co gallo da celebración do Día Mundial do Alzheimer o próximo sábado, 21 de setembro, a Concellaría de Benestar Social está a desenvolver unha campaña de sensibilización consistente na colocación, na Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro, duns vinilos visibles con frases que invitan a reflexionar sobre a situación de desamparo que viven todas as persoas que sofren esta enfermidade. Os vinilos, en formato máis pequeno, tamén se repartiron entre os establecementos de Bertamiráns e O Milladoiro que se quixeron adherir a esta campaña de sensibilización.

Xoves, 19 de setembro de 2019
 Cartel das xornadas de portas abertas do club Ames Atletismo

Durante este mes de setembro o club Ames Atletismo está organizando unhas xornadas de portas abertas os luns, mércores e venres, as 18:00 horas, nas instalacións de Biduído (detrás do colexio de Ventín). Ames Atletismo é un novo club de atletismo de base que nace co propósito de ensinar tódalas disciplinas do atletismo dun modo divertido e formando en valores coma o esforzo, a constancia e o compañeirismo, tan presentes neste gran deporte.