Actualidade

A Xunta de Galicia vén de aprobar este luns, 31 de marzo, o prego de cláusulas administrativas, o expediente de contratación, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación para a construción do novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro. O expediente de contratación publicouse hoxe no portal de Contratos Públicos de Galicia. O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna.

Dende este martes, 1 de abril, estará aberto o prazo de solicitude de praza para o curso 2025-2026 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 16 de xuño. A documentación que hai que presentar para solicitar praza pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

O Concello de Ames abre ata o 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o vindeiro curso 2025-2026, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

Mañá venres 28 de febreiro, o IES do Milladoiro transformarase nun contedor de convivencia positiva e diversidade cultural coa celebración do seu Entroido Intercultural. Esta iniciativa lúdico-educativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza intercultural do centro, onde convive alumnado de 20 nacionalidades diferentes, e fomentar unha convivencia positiva entre toda a comunidade educativa.

Dende este venres, 14 de febreiro, e ata o venres 28 de febreiro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Primavera Lúdica”, que se desenvolverá os días 14, 15, 16 e 21 de abril de 2025. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou de primaria no curso 2024-2025, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. A “Primavera Lúdica” ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Arredor de 50 rapaces e rapazas de segundo curso de educación primaria do CEIP da Maía, achegáronse á Casa do Concello para coñecer de primeira man o traballo que se realiza neste lugar. Así, acompañados de varios membros do Goberno local e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, os nenos e nenas aprenderon que é un pleno municipal, o traballo que realizan os/as edís municipais e as funcións que cumpre a Administración local. Ademais, a rapazada puido trasladar varias peticións aos membros do Goberno municipal para a mellora das instalacións do colexio.

Na mañá deste xoves 30 de xaneiro, o CEIP de Barouta celebrou outra edición da carreira solidaria “Móvome pola paz”, unha iniciativa motivada pola conmemoración do Día Internacional da Paz. Nesta xornada participaron en total 400 persoas, entre eles, alumnado do propio CEIP de Barouta, xunto co alumnado de sexto de Eduación Primaria do CEIP da Maía e Agro do Muíño e os pequenos da unitaria de Covas. O obxectivo desta iniciativa é a recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade para o banco de alimentos municipal, xunto coa recollida de fondos para a emerxencia en Gaza. As persoas interesadas en facer unha doazón, poderán deixar os seus produtos no centro educativo ata finais da semana que vén.

O alumnado de cuarto da ESO do IES do Milladoiro participou este venres, 24 de xaneiro, na estrea do documental “No habrá paz sin las mujeres”, producido pola periodista Patricia Simón e o fotoxornalista e activista, Alejandro Zapico. Dito alumnado xa participou o pasado venres, 10 de xaneiro, nunha foliada solidaria para Palestina, organizada na Casa da Cultura do Milladoiro, co obxectivo de recadar fondos para a ONG Paias@s en Rebeldía. Ademais, vaise organizar unha exposición de fotografías de Alejandro Zapico. A vindeira semana anunciarase o lugar e mailo día de inauguración de dita mostra.

O CEIP de Barouta organiza, un ano máis, a súa tradicional carreira solidaria “Móvome pola paz” este vindeiro xoves 30 de xaneiro, unha iniciativa motivada pola celebración do Día Internacional da Paz. Como vén sendo habitual, ademais do propio alumnado do centro, poderá participar a veciñanza que o desexe, así como a comunidade educativa do resto de escolas unitarias de Ames e o alumnado de sexto de Educación Primaria do CEIP da Maía e do CEIP Agro do Muíño. O obxectivo deste ano volve ser concienciar sobre os dereitos da infancia e a recollida de alimentos e produtos de hixiene para persoas en situación de emerxencia social. Ademais, continúa a recollida de fondos para a situación de emerxencia en Gaza (Palestina) para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).
- 1 de 25
- seguinte ›