Actualidade

Ex., 17-04-2025
Ex., 17-04-2025
Mércores, 20 de novembro de 2024
Escola unitaria de Covas

As escolas unitarias de Covas e A Igrexa, situada en Ortoño, completaron este curso a oferta de número de prazas dispoñibles. Cada unha destas dúas escolas ten matriculados 20 alumnos/as. Na escola unitaria de Covas incrementouse nun 20% o alumnado respecto do curso anterior, mentres que  na unitaria da Igrexa aumento nun 15%. A implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación nestas dúas escolas resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo. No servizo de Bos Días Cole hai matriculados 12 alumnos/as e ao comedor acoden 35 nenos/as.

Luns, 11 de novembro de 2024
Iria Martínez Mosquera, do CEIP Agro do Muíño, premiada na convocatoria escolar de educación primaria do certame "Territorio Vákner"

A amesá Iria Martínez acadou o quinto premio neste certame literario organizado polo Concello de Dumbria e La Voz de Galicia que, ano tras ano, mantén viva a lenda deste ser mitolóxico galego.

Venres, 04 de outubro de 2024
Cartel do Nadal Lúdico 2024

Dende hoxe, venres 4, e ata o vindeiro venres 18 de outubro de 2024, está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Nadal Lúdico”, que se desenvolverá os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro, e os días 2, 3 e 7 de xaneiro de 2025. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

Xoves, 26 de setembro de 2024
O Concello de Ames súmase ao programa Estalmat-Galicia

O proxecto Estalmat-Galicia para o estímulo do talento matemático iniciou un novo curso o pasado sábado, 21 de setembro, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. A promoción deste ano está formada por 25 rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, entre os que se atopa Xoel Aneiros, alumno do IES do Milladoiro. Nesta décimo sétima edición, o Concello de Ames súmase a este programa como patrocinador cunha achega económica.

Sábado, 14 de setembro de 2024
O Concello inviste máis de 80.000 euros no mantemento dos centros de ensino de Ames

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este pasado martes, 10 de setembro, unha nova xuntanza do Consello municipal de Educación, no que se falou sobre o inicio do curso escolar 2024/2025. O alcalde de Ames e a concelleira de Educación, Blas García e Carmen Porto, presidiron o Consello Escolar Municipal, xunto coa nova técnica de Educación, Natalia Quinteiro. Tamén participou Belén Agrafojo, persoal do departamento de Educación. Falouse do investimento feito polo Concello de Ames, que ascende a máis de 80.000 euros, para o mantemento de centros de ensino. Ademais, acordouse que no mes de outubro vaise fixar unha data para realizar a última xuntanza para abordar a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Durante este mes poderanse presentar propostas para a modificación de dito regulamento.

Mércores, 11 de setembro de 2024
Visita ao CEIP Agro do Muíño

Un total de 4.038 nenos/as e mozos/as do concello de Ames están escolarizados nos centros de ensino do concello de Ames para o curso 2024-2025. Deste xeito, 2.357 alumnos/as están matriculados en escolas e colexios públicos de infantil e primaria, mentres que 1.358 rapaces e rapazas están matriculados en secundaria nos dous institutos amesáns. Ademais, hai que engadir os 323 rapaces e rapazas que cursan estudos de infantil, primaria e secundaria no colexio Alca, o único centro concertado do concello. Previamente, durante os meses de verán, no marco do plan de mantemento estival que se realiza todos os anos, o Concello executou diversos traballos de mantemento e reparación nos centros escolares do municipio nos que se investiron máis de 80.000 euros. 

Mércores, 11 de setembro de 2024
A mocidade amesá gozará dunha xornada no Galipark de Padrón da man do programa Trouleando

A Concellaría de Xuventude do Concello de Ames propón neste mes de setembro unha nova actividade enmarcada dentro do programa Trouleando que conxuga natureza, deporte e diversión: unha xornada no Galipark en Padrón. Será o sábado 28, e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Os mozos e mozas interesados en participar deben anotarse enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre os días 13 e 18 de setembro. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de chegada dos correos.

Xoves, 05 de setembro de 2024
140 nenos e nenas amesáns participan no Setembro Lúdico 2024

Este luns, 2 de setembro, comezou unha nova edición do Setembro Lúdico con 140 participantes. A través deste programa trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín en horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días.

Martes, 03 de setembro de 2024
Rematan os campamentos municipais de verán cunha participación de preto de 500 rapaces e rapazas de Ames

Do 28 de agosto ao 2 de setembro realizouse a última saída do programa municipal de campamentos de verán. Un grupo de 40 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos estiveron no campamento da granxa escola El Kiriko. O programa de campamentos comezou o pasado 23 de xuño e ao longo dos meses de verán un total de 490 rapaces e rapazas de Ames participaron en 13 campamentos con estadía nocturna. Ademais, organizáronse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. Este ano cubríronse o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.

Sábado, 31 de agosto de 2024
Carmen Porto, Blas García, Román Rodríguez e Manuel Vila

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.