Actualidade

Dende hoxe, sábado 12 de abril, xa está aberto o prazo para solicitar as axudas para a promoción do comercio local. A convocatoria de ditas axudas saíu publicada no BOP da xornada de onte, venres 11 de abril, co cal o prazo para presentar as solicitudes é dun mes dende o día seguinte de dita publicación, polo que estará aberto ata o 11 de maio. O importe desta convocatoria de subvención é de 40.000 euros: 33.000 euros para a promoción comercial e 7.000 euros para infraestruturas e equipamentos. As solicitudes hai que presentalas a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC).

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, visitaron o pasado venres, 14 de marzo, a sede de CATEC en Galicia, situada no parque empresarial do Milladoiro. CATEC, Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales, é o único centro tecnolóxico en España dedicado exclusivamente ao sector aeroespacial. Impulsado pola Junta de Andalucía a través de FADA (Fundación Andaluza para o Desenvolvemento Aeroespacial), combina innovación e excelencia nunha contorna de colaboración público-privada.

A empresa de xoiería artesanal galega, Silvereira, cumpre un cuarto de século a finais deste ano 2025. O alcalde, Blas García, visitou xunto á concelleira de Promoción Económica e o concelleiro de Obras e Servizos básicos ás instalacións da empresa amesá, situadas en Raíces, parroquia de Biduído. Juan Lamas e Marta Ares acompañáronos polo taller e explicáronlle os procesos que seguen para a fabricación das distintas pezas. Ambos destacaron a importancia da modernización dos procesos de fabricación para optimizar recursos e tempo e, deste xeito, ser competitivos.

O Concello de Ames acolleu neste venres, 7 de marzo, a quinta edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrou no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que estiveron presentes diferentes empresas do noso concello referentes nos ámbitos da innovación ou da tecnoloxía. Desta volta, unha das principais temáticas que se trataron foi a sostibilidade no mundo empresarial na actualidade e as posibilidades e capacidades da innovación local. Nesta edición participaron máis de vinte empresas amesás, coworkers do centro coworking A Proa, representantes das Universidades de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo, e alumnado dos centros educativos de Ames.

O Concello de Ames, xunto coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), presentou na mañá de hoxe o informe sobre os datos de consumo nas oficinas municipais nesta materia no pasado ano. Deste xeito, as oficinas da UCGAL situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro recibiron ao longo de todo 2024 un total de 425 consultas, producíndose a maior parte no primeiro semestre do ano e no sector financeiro. A oficina da UCGAL do Milladoiro, localizada na Rúa Viorneira, ofrece atención os martes en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30, mentres que a de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, está aberta os xoves, co mesmo horario de atención. O teléfono para poñerse en contacto coas oficinas da UCGAL no noso concello é o 662 130 312.

Os IES de Ames e do Milladoiro acolleron durante o día de hoxe, con motivo da celebración o pasado 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia, unhas charlas que lle amosaron á mocidade amesá as posibilidades que ofrece o ámbito da ciencia e a tecnoloxía na actualidade, así como demostrar que as mulleres tamén teñen posibilidades nestas ramas profesionais. As conferencias estiveron protagonizadas pola presidenta da Real Sociedade Matemática Española, Vitoria Otero; a directora corporativa da empresa Tecalis, Berta Caro; a xefa de proxecto de CATEC (Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales), Marta Arufe, e unha das enxeñeiras de robótica aérea de CATEC en Galicia, Alejandra González.

O Concello de Ames presentou esta mañá a cuarta edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas amesás e afincadas no noso concello. Este ano terá lugar o vindeiro venres 7 de marzo no pavillón deportivo do Milladoiro e ao longo de toda a xornada haberá diferentes conferencias, obradoiros e exposición de stands, xunto coa xa habitual entrega dos premios InnovAmes tanto a empresas innovadoras como a proxectos educativos. O obxectivo deste evento é achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación e desenvolvidas por empresas do Concello de Ames, xunto coa creación dun espazo no que compartir coñecemento e crear novos enlaces para posibles novos proxectos entre empresas.

Os Concellos de Ames e Brión están a desenvolver a sétima edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participan 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición impártense 9 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impártense un módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas e actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral. Dita formación compleméntase con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade.

A Casa do Concello acolleu este martes, 11 de febreiro, o acto de entrega de premios ás persoas gañadoras do XIX concurso de escaparates de Nadal e do III concurso de decoración de Nadal veciñal. O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, xunto cos membros do xurado, Lucía Rodríguez e Félix Caramés, foron os encargados de repartir os galardóns. En total repartíronse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates repartíronse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartíronse outros catro premios de 500 euros cada un.

A Xunta de Goberno Local aprobou este pasado xoves, 30 de xaneiro, a concesión dos premios ás persoas gañadoras do XIX concurso de escaparates de Nadal e do III concurso de decoración de Nadal veciñal. En total repartiranse 6.000 euros entre os gañadores/as. No concurso de escaparates entregaranse catro premios dotados cun total de 4.000 euros (1.500 euros para o primeiro, 1.100 para o segundo, 800 para o terceiro e 600 para o cuarto), mentres que no concurso de decoración veciñal repartiranse outros catro premios de 500 euros cada un.
- 1 de 57
- seguinte ›