Actualidade

O Concello de Ames, desde o departamento de Promoción Económica e Educación, abre a convocatoria para participar na Cabalgata de Reis deste ano, para que as nenas e nenos do concello poidan acompañar aos Reis Magos nas carrozas o día da cabalgata. O período de inscrición estará aberto desde o luns 16 de decembro ata o vindeiro domingo día 22 de decembro. A capacidade de cada carroza é de 14 rapaces, sendo as prazas ofertadas un total de 84. Poderán participar menores en idades comprendidas entre 6 e 12 anos, empadroados en Ames e que non participaran en cabalgatas anteriores. No caso de que non haxa rapaces suficientes para algunha das cabalgatas, poderase propoñer a cobertura con nenos e nenas que non teñan as preferencias solicitadas. Podes consultar as bases completas de inscrición na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, desenvolve un ano máis a campaña dos “Bonos Consuma”, unha iniciativa para fomentar o consumo no comercio local. O prazo para descargar os bonos estará aberto desde mañá, sábado 14 de decembro. Cada persoa maior de 18 anos poderá descargar un único bono con importe de 50 euros que poderá usar nos 105 establecementos adheridos á campaña deste ano. Para descargar os bonos hai que entrar no apartado de clientes da páxina web dos bonos consuma e introducir os datos persoais do beneficiario. Os bonos poderán usarse dende o 14 de decembro ata o 14 de febreiro, exceptuando que o orzamento do programa se esgote antes, que este ano ascende ata os 60.000 euros. No caso de que se esgote o orzamento do programa, os vales descargados deixarán de ter saldo, polo que non se poderán empregar. Pódese consultar as empresas adheridas á campaña na seguinte ligazón.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu onte pola tarde o acto de entrega de premios aos establecementos gañadores da primeira edición do concurso de decoración de Samaín. En total repartíronse 2.000 euros entre os gañadores/as. O primeiro premio de 1.000 euros foi para Papelería Chavián, o segundo premio de 600 euros recaeu en 3X en Cemento; e o terceiro premio de 400 euros foi para Escola infantil Merlín. A través deste concurso tratouse de fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. A decoración tivo que estar exposta como mínimo dende o luns 28 de outubro ata o domingo 3 de novembro.

Segue aberto o proceso de selección de participantes para a novena edición do programa integrado de emprego dos Concello de Ames e Brión 2024 -2025. Ata o día 20 de decembro as persoas que cumpran os requisitos solicitados e estean interesadas poden cubrir o formulario de inscrición cos seus datos premendo neste enlace. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, limpeza, administración e xestión, ocio e tempo libre e turismo. Hoxe xoves, 12 de decembro, ás 12.00 horas, impártese unha charla informativa no espaza colaborativo A Proa, situado na rúa das Hedras, no parque empresarial do Milladoiro.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde o acto de entrega de premios da primeira edición do Ames AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual que puxo en marcha o Concello de Ames. En total participaron 15 proxectos, dos cales 14 optaron ao premio e 7 recibiron os 10.000 euros de financiamento por proxectos, para as actividades de definición e desenvolvemento inicial. Tramoloxía, O Laúro, Dous nichos para Maruja, Nemeto, 42.195 metros, Orquesta Raíña e Serenade son os sete proxectos premiados. Estes premios, concibidos como capital semente, permitirán aos proxectos gañadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha a terceira edición do concurso de decoración de Nadal veciñal en Ames, unha iniciativa que pretende fomentar á colaboración da veciñanza na decoración do municipio nestas festas. O prazo de de inscrición está aberto ata o vindeiro luns 16 de decembro, as solicitudes deberán de facerse a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presenciar nos rexistros municipais. Os concursantes terán que enviar dúas fotos da súa decoración ao enderezo de correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal antes do 18 de decembro.

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da nova edición do concurso “Ilumina o teu sorriso”, organizado un ano máis pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayela, xunto coa campaña “Davide dá a badalada” que se estrea este Nadal e repartirá 2.000 euros entre as persoas que merquen nos negocios da XEA. Ambas iniciativas nacen co propósito de fomentar e promover o comercio local en Ames. As persoas interesadas en participar no concurso de fotografía deberán realizar dúas fotos nas localizacións con decoración de Nadal en Ames: as prazas do Concello e a Maía en Bertamiráns, ou a Praza da Madalena e o aparcamento do Supercor no Milladoiro. Os premios son un vale de 250 euros, outro de 150€ ou un de 100€ para gastar nos comercios asociados á XEA.

A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na Praza da Maía para os vindeiros días 20, 21 e 22 de decembro. O prazo de inscrición para os artesáns e produtores locais interesados en participar está aberto dende hoxe, luns 9, ata o xoves 12 de decembro. Os solicitantes deberán de enviar á sede electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación necesaria enmarcada dentro das bases do mercado que se poden consultar na seguinte ligazón. En total haberá 16 postos; 12 de artesanía e 4 postos centrais para alimentos e produtos da horta.

Este sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, está previsto que se celebre o tradicional acto de acendido das luces de Nadal. Actuarán arredor de 40 alumnos/as da Escola Municipal de Música e membros da asociación Arcea-Adames. Ademais, haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. As persoas encargadas de premer o botón de acendido do alumeado será desvelado no propio acto entre os presentes. As luces de Nadal estarán acendidas en horario de 18.00 a 02.00 horas dende este sábado, 7 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar unha nova edición dos seus concursos de decoración de Nadal, un destinado á veciñanza e outro aos comercios locais. As iniciativas, consolidadas xa como uns clásicos do Nadal amesán, teñen como obxectivo buscar a colaboración de veciños e comerciantes na decoración do concello durante estas festas. Deste xeito, os comercios participantes poderán decorar os seus escaparates e, por outra parte, a veciñanza que colabore decorará as súas vivendas particulares, xardíns, fiestras ou balcóns coa temática de Nadal. En total repartiranse 6.000 euros en premios; 4.000 euros destinados ao concurso de escaparates e 2.000 no de decoración veciñal.
- ‹ anterior
- 3 de 57
- seguinte ›