Actualidade

Ex., 21-12-2024
Ex., 21-12-2024
Luns, 07 de outubro de 2024
31 persoas participaron na primeira saída “As voltas cos cogomelos” organizada pola Aula da Natureza

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, organizou esta pasado domingo a primeira saída da actividade “As voltas cos cogomelos”, unha iniciativa que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Nesta primeira sesión, que tivo lugar na Ameixenda, participaron un total de 31 persoas.

Sábado, 05 de outubro de 2024
Obradoiro "Doce outono"

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, organizou tres obradoiros denominados “Doce Outono”, para promover o aproveitamento sostible dos alimentos. Estas actividades, que estiveron dirixidas a nenos/as e adultos, organizáronse os días 21 e 28 de setembro e mailo 5 de outubro. Deste xeito, hoxe impartiuse o último deste obradoiros no que os participantes aprenderon a elaborar marmeladas, confituras e chutneys. Nestas tres sesións participaron un total de 65 persoas, completando todas as prazas ofertadas.

Mércores, 02 de outubro de 2024
Inscríbete e participa na primeira saída “As voltas cos cogomelos”

A Aula da Natureza está a desenvolver as diferentes actividades que compoñen a súa programación de outono. Deste xeito, para os meses de outubro e novembro ten previsto impartir a actividade “As voltas cos cogomelos”, que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Trátase dunha actividade aberta a todos os públicos. O prazo para inscribirse nesta primeira saída estará aberto ata o venres 4 de outubro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Martes, 01 de outubro de 2024
Participa no obradoiro de marmeladas e confituras organizado pola Aula da Natureza

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, continúa cos obradoiros para promover o aproveitamento sostible dos alimentos. Deste xeito, para este sábado 5 de outubro propón o obradoiro “Doce outono: obradoiro de elaboración de marmeladas, confituras e chutneys”. Dirixido a público adulto, desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas nas instalacións da Aula de Natureza. Ofrécense 15 prazas. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xoves, 26 de setembro de 2024
Ames súmase á XVII limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 29 de setembro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar esta ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Mércores, 25 de setembro de 2024
A Aula da Natureza presenta a súa programación de actividades para este outono

A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro vai realizar diferentes actividades relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller castañas e cogomelos, rutas teatralizadas, avistamento de cometas, obradoiros para elaborar conservas de froitas e hortalizas, e maila cuarta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Martes, 24 de setembro de 2024
Inscríbete e participa no obradoiro de cosmética con mel de Galicia

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza para o sábado, 28 de setembro, o obradoiro denominado “Doce outono adultos, cosmética con mel de Galicia”. Nesta actividade farase unha breve introdución teórica dos recursos aproveitables da colmea, elaboración de tintura de própole, xabón de glicerina con mel, crema corporal con mel, etc. Para participar nesta actividade é precisa inscrición previa. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, indicando a actividade na que se quere participar. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Luns, 23 de setembro de 2024
A Aula da Natureza organiza este outono catro xornadas para poñer en valor a castaña e os castiñeiros

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. Para participar nas distintas actividades é precisa inscrición previa. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal, indicando a actividade na que se quere participar. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Martes, 17 de setembro de 2024
Inscríbete e participa no obradoiro de conservas tradicionais de froitas organizado pola Aula da Natureza

A Aula da Natureza inaugura a súa programación de actividades para este outono cun obradoiro de marmelos e confituras. Será o sábado 21 de setembro, de 11:00 a 18:00 horas, nas instalacións da Aula, no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda. Deste xeito, para esta fin de semana organízase un obradoiro para aprender a elaborar doce de mazá e confitura de moras  dirixido a nenos e nenas entre 6 e 14 anos. Máis adiante, organizarase un obradoiro similar para adultos. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o venres 20 de setembro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Proximamente presentarase a programación completa da Aula da Natureza para o último trimestre do ano.

Venres, 16 de agosto de 2024
Participa na visita nocturna aos petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo

O Concello de Ames e o colectivo A Rula organizan o sábado, 24 de agosto, a quinta edición da ruta nocturna circular aos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra. Comezará ás 21:00 horas dende o miradoiro do bosque do Peregrino, en Ventosa. Haberá servizo de autobús, que pasará ás 21:00 horas pola Casa da Cultura do Milladoiro, e ás 21:15 horas polo Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A visita rematará ás 23:30 horas. Ao remate haberá servizo de autobús de regreso, que volverá polos lugares onde colleu aos participantes. Para participar nesta saída hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 25 prazas.