Actualidade
A Aula da Natureza organiza, dentro da programación de Nadal en Ames, un campamento para que os cativos poidan achegarse ao medio natural no inverno. A actividade, dirixida para a rapazada entre 6 e 14 anos, desenvolverase os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, e ofrecerá diferentes xogos e obradoiros relacionados co Nadal e tamén co medio natural nesta época do ano. As persoas interesadas en inscribir á súa rapazada deberán enviar o impreso de inscrición cuberto, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.
O Concello de Ames fai un chamamento á colaboración veciñal para a detección de pozos sen rexistrar, cubrir ou en mal estado. Se tes coñecemento de algún ou queres informarte para o rexistro dun da túa propiedade non dubides en chamar ao 981 88 30 02 en horario de 9.00 horas a 15.00 horas e pide falar co departamento de Medio Ambiente. Podes senón envíar un correo a gabinete@ames.gal cos datos do pozo en cuestión.
O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 950 entradas en outubro. Durante o pasado mes destaca a achega de 3.433 quilogramos de madeira, 3.256 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 1.678 quilogramos de metais e 1.125 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES). Ademais, a través do Punto Limpo móbil recolléronse diferentes residuos en 6 entradas.
A cuarta edición da feira “Tanto monte, monte tanto” prevista inicialmente para os días 23 e 24 de novembro no campo da festa de Trasmonte tivo que ser reducida a unha única xornada debido ás condicións meteorolóxicas adversas que se manifestaron durante o domingo, 24 de novembro. Perse a esta circunstancia, o evento co que o Concello de Ames quixo valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte, bateu todos os rexistro de afluencias das edicións pasadas, duplicando á asistencia do 2023 e triplicando a do 2022. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da Feira do Monte 2024.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”, que será estreada o vindeiro sábado, 30 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades. Premendo nesta ligazón podes ver o tráiler da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”.
O Concello de Ames vai celebrar a vindeira fin de semana, o 23 e 24 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte a través dun escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade cóntase con 25 expositores confirmados de Ames e diversas localidades de Galicia. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional. Premendo nesta ligazón pódese consultar o programa completo da Feira.
A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, continúa organizando diversos obradoiros e cursos. Neste caso, ofrece unhas xornadas de formación en cultivos de horta durante os meses de inverno. Impartiranse os sábados 9 e 16 de novembro, en horario de 10.00 a 13.00 horas, no invernadoiro municipal de Barouta. Na primeira xornada abordarse a planificación de cultivos de inverno, mentres que na segunda tratarase o control de pragas e enfermidades nos cultivos. As persoas interesadas deben enviar o formulario de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organiza este outono as xornadas “Arredor dos castiñeiros”, que se desenvolverán nos meses de setembro, outubro e novembro. Serán catro sesións centradas nos castiñeiros que contarán con charlas, obradoiros participativos e visitas a empresas de transformación de castaña. A segunda destas xornadas tivo lugar o pasado sábado: unha visita á empresa Naiciña, especializada na elaboración, transformación e distribución da castaña na que participaron 25 persoas. A visita estivo guiada por Miguel Ángel Areán, director-xerente da empresa.
O Concello de Ames presentou esta mañá a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que se celebrará os días 23 e 24 de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade xa se conta con 18 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Así mesmo, durante toda a xornada non faltarán as degustacións e maila música tradicional.
O Concello de Ames está traballando na creación dunha asociación matriz, que xestione as diferentes comunidades enerxéticas que se poidan crear. Dita asociación estará formada polo Concello e por veciños e veciñas que aposten por formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Xa se celebraron varias xuntanzas nas que participou veciñanza de Lens, Trasmonte, Aldea Nova, Augapesada e Raíces. Está previsto facer reunións en todas as parroquias para explicar as funcións da Oficina de Transformación Comunitaria, que ofrece información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen participar na comunidade enerxética local.
- 1 de 23
- seguinte ›