Actualidade

Ex., 24-01-2025
Ex., 24-01-2025
Venres, 03 de xuño de 2022
Preséntase o Plan de Incendios para o ano 2022, cun mes de antelación como medida preventiva

O Concello de Ames presentou este xoves o Plan de Incendios para o ano 2022, no que quedan recollidos os pasos a tomar segundo a magnitude do lume e da situación de emerxencia, así como os medios dos que dispón o Concello, os diferentes grupos de intervención e os contactos e teléfonos das persoas e grupos que forman parte do dispositivo. A presentación do plan adiantouse con respecto a anos anteriores de xeito preventivo, debido aos varios lumes que sufriu Ames ao longo da primeira metade de 2022.

Martes, 24 de maio de 2022
Limpa a túa finca

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, lémbralle os/as propietarios/as de terreos forestais, que estean incluídos nas faixas de especial protección de núcleos, a obriga de manter sempre limpos ditos terreos e en todo caso sempre antes do 31 de maio de cada ano. O Concello publicou un bando no que se fai un recordatorio das obrigas dos responsables de terreos forestais contemplados na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais de Galicia, modificadas pola Lei de 7/2012 de montes de Galicia.

Luns, 23 de maio de 2022
Éxito de participación na saída aos Ancares e na actividade pola Festa dos Maios da Aula da Natureza

A Aula da Natureza vén de organizar o sábado 23 e o domingo 24 de abril unha excursión de fin de semana aos Ancares, onde se completaron as rutas ambientais dos Tres Bispos e dos Cabanillos, e se visitou a aldea do Piornedo e as súas pallozas prerromanas. Ademais, a rapazada amesá gozou o pasado sábado 7 de maio dunha xornada especial centrada na Festa dos Maios, na que se repartiron tarefas e traballaron en equipo para elaborar os maios e coñecer mellor esta celebración tradicional.

Sábado, 21 de maio de 2022
A Aula da Natureza organiza o sábado 28 unha saída ornitolóxica ás dunas de Corrubedo e ás lagoas de Carregal e Vixián

A Aula da Natureza propón para o próximo sábado 28 maio unha excursión ao Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, situado en Ribeira. Alí realizarase unha ruta ornitolóxica, guiada por profesionais da ONG ambiental SEO/BirdLife, nunhas áreas húmidas de importancia internacional polo paso de aves que aniñan no ecosistema. Haberá servizo de autobús en Bertamiráns, dende o Pazo da Peregrina, con saída ás 10:00 e regreso ás 17:45 horas. Pola súa banda, dende a Casa da Cultura do Milladoiro a ida e a volta serán ás 10:15 e ás 17:30 horas. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición ao correo auladanatureza@concellodeames.gal.

Xoves, 19 de maio de 2022
Intervención feita no cemiterio municipal de Os Batáns

Esta mañá realizouse nos concellos de Santiago de Compostela e de Ames un simulacro de emerxencia por incendio forestal, no cal se activou o Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (PEIFOGA) en situación 1 e o paso a situación 2. O simulacro desenvolveuse nos lugares de Roxos (parroquia de Villestro, pertencente ao concello de Santiago de Compostela), e na urbanización de Aldea Nova (parroquia de Ortoño, no concello de Ames). Comezou ás 8:45 cun incendio de nivel 1 na zona de Roxos, que ao non poder ser controlado, pasou ao nivel 2, arredor das 11.00 horas.

Mércores, 18 de maio de 2022
Do 18 ao 30 de maio abre o prazo de matrícula para os campamentos de verán 2022

O Concello de Ames, a través das Concellarías de Medio Ambiente e de Mocidade, abre o prazo de matrícula para o programa de campamentos municipais de verán 2022. As familias dos nenos/as e mozos/as que dispoñen de praza poden facer a matrícula do 18 ao 30 de maio. Presentarase preferiblemente a través do Rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Excepcionalmente, e con cita previa, poderá entregarse nos rexistros do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Luns, 16 de maio de 2022
As plantas cotiás e o contacto co entorno ocuparon a fin de semana da Aula da Natureza

A Aula da Natureza organizou esta fin de semana unha serie de actividades nas que a veciñanza amesá puido coñecer mellor as plantas cotiás ou medicinais propias do concello. Deste xeito, unha exposición con arredor de 70 plantas diferentes, recollidas en Ames nas xornadas previas, ocupou a Casa da Cultura de Bertamiráns con información sobre as súas propiedades e os seus usos populares. Ademais, na mañá de sábado unha ducia de persoas gozaron dunha ruta botánica pola contorna do Pedregal e de Bertamiráns, na que descubriron e recolleron algunhas destas plantas. Por último, o parque do Ameneiral acolleu un taller sensorial para familias con bebés de entre seis meses e dous anos, no que puideron experimentar cos seus sentidos xogando con auga, area, terra, madeira ou algodón, entre outros materiais.

Martes, 10 de maio de 2022
Acto de presentación da mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo

Esta mañá inaugurouse no Milladoiro a mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña. Dita exposición pode visitarse na Travesía do Porto. A cidadanía pode achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. Trala inauguración, á que acudiu o deputado provincial, Antonio Leira, o alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, houbo unha performance a cargo de Pista 4 e unha actuación do colectivo Euterpe. A dito acto acudiu un grupo de alumnas/os, o director e profesorado do IES do Milladoiro. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

Martes, 10 de maio de 2022
As plantas cotiás e as súas propiedades marcan as dúas actividades da Aula da Natureza desta fin de semana

A Aula da Natureza propón para esta semana dúas propostas protagonizadas polas plantas cotiás, tamén coñecidas como medicinais, para que a veciñanza amesá coñeza as súas propiedades e saiba recoñecelas na natureza. Este venres 13 de maio instalarase unha exposición de plantas medicinais na entrada da Casa da Cultura de Bertamiráns, con varias visitas guiadas e proxeccións de vídeos ao longo da xornada. Ademais, na mañá do sábado 14 farase unha ruta botánica guiada polos arredores da Aula da Natureza, que contará con servizo de autobús dende O Milladoiro e Bertamiráns. Para participar nas actividades, cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 09 de maio de 2022
Comeza o curso de técnico de compostaxe descentralizada con 19 participantes

Esta mañá comezou nas instalacións da Aula da Natureza do Concello de Ames, na Ameixenda, o curso de técnico de compostaxe descentralizada que imparte o persoal da Asociación Ecoloxista ADEGA, no que están participando 19 persoas. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa cedendo as instalación da Aula da Natureza. O curso, que se vai desenvolver do 9 de maio ao 7 de xuño, está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A formación é totalmente de balde e destinada a persoas desempregadas, que optarán a unha bolsa de traballo. Trátase dunha acción gratuíta cofinanciada polo FSE e a través da cal se pretende conseguir unha formación e un emprego de calidade.