Actualidade

Ex., 04-02-2025
Ex., 04-02-2025
Venres, 25 de marzo de 2022
Imaxe do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns

O Concello de Ames responde á petición da ONG World Wildlife Fund (WWF), que cada ano solicita ás cidades e vilas de todo o mundo que apaguen as luces dos seus edificios máis emblemáticos durante unha hora. Deste xeito, Ames apagará o alumeado do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e da Capela da Madalena, no Milladoiro, durante “A Hora do Planeta”, que se celebrará entre as 20:30 e as 21:30 horas deste sábado 26 de marzo.

Mércores, 09 de marzo de 2022
Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza

Por mor das previsións de chuvia para este sábado 12, queda adiada a saída de rastrexo diúrno de pegadas de animais. Esta é a segunda parte do ciclo “Séguelle a pista”, promovido pola Aula da Natureza na súa programación infantil-xuvenil de primavera. Neste senso, o pasado sábado 5 celebrouse a primeira metade desta proposta, un obradoiro no que a rapazada puido coñecer as pegadas dos animais máis frecuentes nos montes amesáns. As actividades da Aula da Natureza continúan en marzo, cun curso de apicultura os días 19 e 20 e cun taller de elaboración e colocación de caixas niño, o sábado 26.

Sábado, 12 de febreiro de 2022
O alumnado de sexto do CEIP de Barouta plantou frondosas caducifolias contra o lume en Montemaior

Trinta e seis alumnas e alumnos de sexto de primaria do CEIP de Barouta visitaron na mañá do pasado venres 4 á brigada de repoboación forestal de Ames, que preparara uns terreos en Montemaior para explicar o seu labor á rapazada. Alí, os nenos e nenas plantaron árbores frondosas caducifolias e coñeceron o funcionamento das faixas secundarias do plan de prevención de lumes, que neste curso actuará nas zonas de Montemaior, Ventosa, A Condomiña e A Tarroeira.

Xoves, 10 de febreiro de 2022
A Aula da Natureza amplía a charca do IES de Ames para concienciar sobre as zonas húmidas

O departamento de Medio Ambiente amesán, a través da Aula da Natureza, participou o pasado mércores 26 de xaneiro na ampliación e remodelación da balsa creada o pasado ano no IES de Ames, dentro do proxecto educativo “Charcas con vida” da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Na actividade participou o alumnado de paisaxismo de 1º da ESO, que desenvolve labores de fenoloxía no entorno do centro educativo.

Martes, 01 de febreiro de 2022
A Aula da Natureza aposta polas actividades ao aire libre na súa nova programación de primavera

A Aula da Natureza presentou na mañá deste luns o seu itinerario para os meses de febreiro a maio, que inclúe propostas para todos os públicos e idades. Haberá excursións, cursiños e talleres no propio espazo da Aula, na que a veciñanza gozará e aprenderá máis sobre o entorno. Este sábado 5 comezan xa as actividades, cunha xornada dedicada á Festa da Luz para nenas e nenos dos 6 aos 12 anos, para a que xa se pode solicitar praza, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Luns, 17 de xaneiro de 2022
Imaxe da presentación da campaña “A cagada é NON recollela”

“A cagada é NON recollela” é o motivo escollido polas Concellarías de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá amesás para unha nova campaña de sensibilización, que chega ante as reiteradas queixas recibidas na sede municipal relacionadas coas molestias causadas polos excrementos de cans. O abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais. A campaña difundirase por redes sociais, colocaranse carteis en zonas de lecer e parques, e colaborarase coa Policía Local para que reforce a vixilancia neste eido, podendo aplicar sancións dos 100 aos 500 euros.

Xoves, 30 de decembro de 2021
Presentada á veciñanza da Condomiña e da Tarroeira a quinta fase do plan de prevención de incendios forestais, con posibles actuacións en ata 350 terras

O Concello de Ames presentou o pasado xoves 16 de decembro a quinta fase do seu plan de prevención de incendios forestais, que durante este inverno poderá actuar en ata dez hectáreas de terreos no ámbito da Condomiña e da Tarroeira. A veciñanza destas zonas recibiu as explicacións de persoal técnico do departamento de Medio Ambiente e de membros da brigada forestal municipal, nunha reunión á que asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens. O plan de prevención, posto en marcha en 2017, consiste na plantación de árbores frondosas caducifolias para formar faixas de seguridade contra os lumes, protexendo aos núcleos de poboación e mellorando a biodiversidade.

Sábado, 04 de decembro de 2021
Comezan os traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias nas faixas de seguridade de Ames

As actuacións, que comezaron co acondicionamento de preto de catro hectáreas de terreos, corresponden ás anualidades 2021-2022 do plan de prevención e defensa contra lumes forestais do Concello de Ames, en funcionamento dende o ano 2017. Os traballos continuarán coa plantación dunhas 900 árbores caducifolias autóctonas nunhas zonas que deberon ser traballadas no 2020, pero que por mor da situación epidemiolóxica tiveron que esperar ata este curso. O plan de prevención, con financiamento municipal, conta cun orzamento duns 80 mil euros para o período 2020 – 2021.

Luns, 29 de novembro de 2021
A Aula da Natureza retoma as súas actividades de grupo nos centros educativos de Ames

Co avance da vacinación e a evolución epidemiolóxica volveron as actividades grupais aos colexios e institutos amesáns, cos que a Aula da Natureza está colaborando nestas últimas semanas. O IES de Ames, o CEIP de Barouta e a Escola Unitaria de Covas son os centros nos que traballou a Aula, respondendo ás solicitudes de colaboración do alumnado e dos equipos docentes e directivos, e realizando diversas accións de intervención medioambiental que tamén crean comunidade. “As saídas son un xeito máis de compartir cos compañeiros e compañeiras, de socializar, de respectar quendas e momentos e de construír algo xuntos en comunidade”, sinalou Silvia Seoane, mestra da EEI de Covas.

Martes, 23 de novembro de 2021
A Aula da Natureza de Ames anuncia actividades no Nadal para todos os públicos

A Aula da Natureza de Ames comparte a súa oferta de propostas para este Nadal, co retorno do campamento urbano tras o éxito do ano pasado, rutas ambientais e obradoiros para todos os públicos. Para todas as actividades cómpre inscrición previa, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou  ben contactando a través do teléfono 660 004 665.