Actualidade

Ex., 22-12-2024
Ex., 22-12-2024
Mércores, 26 de xuño de 2024
Participa na camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre deste domingo 30 de xuño

As Concellarías de Xestión do Medio Natural e Turismo organizan para este domingo unha nova camiñada teatralizada, a cargo dos Quinquilláns, que se vai a realizar o vindeiro domingo, 30 de xuño, polas Fragas do Tambre. Esta actividade, que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, arranca na aldea de Oca e discorre pola capela do Corpiño e preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. O percorrido ten unha distancia de 4 quilómetros e ao remate serviranse uns petiscos saudables. Para participar é preciso inscribirse antes das 14.00 horas deste venres 28 de xuño. Para iso hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. Haberá servizo de autobús. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono: 660 00 46 65, 609 92 36 16 ou 649 45 02 64. Recoméndase levar roupa cómoda e auga.

Martes, 18 de xuño de 2024
A Aula da Natureza organiza unha saída para recoller as herbas de San Xoan

A Aula da Natureza organiza o vindeiro domingo 23 de xuño unha saída para recoller as herbas de San Xoán e elaborar o cacho, unha tradición pagá con séculos de antigüidade, de celebración do solsticio de verán e protección contra as criaturas da noite. Esa actividade terá lugar nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda), en horario de 11:00 a 13:00 horas. É recomendable levar unha cestiña para a recollida das herbas. Non hai límite de prazas, pero é necesario inscribirse antes do 21 de xuño, enviando a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 17 de xuño de 2024
Comezan os traballos de limpeza subsidiaria en parcelas incluídas na rede de faixas secundarias para protexer ás persoas e bens de posibles lumes forestais

A semana pasada comezaron os traballos de limpeza subsidiaria no lugar de Costoia, pertencente á parroquia de Biduído, onde se están limpando tres parcelas que suman unha hectárea de superficie. Ademais, está previsto que se realicen traballos de xestión da masa forestal no monte do Galiñeiro, no lugar de Maguxe, pertencente á parroquia de Ortoño. Neste caso vanse limpar 20 parcelas, que suman unha superficie de 2,5 hectáreas. Estes traballos enmárcanse dentro do convenio de colaboración, que asina anualmente o Concello coa Xunta, Fegamp e Seaga, para a xestión da biomasa forestal da rede de faixas secundarias que veñen establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Mércores, 05 de xuño de 2024
Abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán 2024

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para a realización de cacharelas na noite de San Xoán (23 de xuño de 2024). No caso dos espazos públicos, o prazo comprende do 5 ao 17 de xuño, ás 13:30 horas; mentres que para os espazos privados será do 5 ao 21 de xuño, tamén ás 13:30 horas. As normas faranse extensivas á celebración de cacharelas/sardiñadas durante todo o mes de xuño. As solicitudes deberán presentarse preferentemente por rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poderá facerse de maneira presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello.

Martes, 04 de xuño de 2024
Arredor de 50 persoas participaron na camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre

O pasado sábado 1 de xuño tivo lugar unha nova camiñada teatralizada polas Fragas do Tambre. A actividade, na que participaron 47 persoas, desenvolveuse en horario de mañá e estivo amenizada polo grupo teatral Os Quinquilláns. O percorrido de 4 quilómetros arrancou na aldea de Oca e discorreu pola capela do Corpiño e por preto do río Tambre, rematando no Pazo de Lens. Ao remate servíronse uns petiscos saudables.

Domingo, 02 de xuño de 2024
O departamento de Medio Ambiente lanza unha nova campaña de sensibilización sobre o abandono de excrementos nas rúas

“NON é culpable” é o motivo escollido pola Concellaría de Xestión do Medio Rural amesá para unha nova campaña de sensibilización, que chega ante as numerosas queixas recibidas sobre as molestias causadas polos excrementos de cans. O abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais. A campaña difundirase por redes sociais, colocaranse carteis en zonas de lecer e parques, e colaborarase coa Policía Local para que reforce a vixilancia neste eido, podendo aplicar sancións dos 500 aos 10.000 euros.

Sábado, 11 de maio de 2024
Exposicións, charlas, obradoiros e degustacións na II Feira do Pan e do Cereal

O campo da festa de Bugallido acolleu este sábado, 11 de maio, a segunda edición da Feira do Pan e do Cereal, para poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galega, a través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. A través desta feira búscase animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. As charlas e os obradoiros foron de balde e con entrada libre ata completar aforo. Houbo unha gran afluencia de público durante toda a xornada. Os obradoiros e mesas redondas tamén rexistraron unha boa participación. Pódese acceder á galería da feira premendo nesta ligazón.

Martes, 07 de maio de 2024
A II Festa do Pan e do Cereal celebrarase o 11 de maio en Bugallido

O campo da festa de Bugallido acollerá este sábado, 11 de maio, a II Feira do Pan e do Cereal, coa que se quere poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galegas. Esta feira busca animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional.  O evento, que busca ser un referente dentro do seu sector, foi presentado esta mañá na Casa do Concello. Premendo nesta ligazón podes acceder á listaxe de establecementos participantes na II Feira do Pan e do Cereal.

Luns, 06 de maio de 2024
A asociación Menais celebrou esta fin de semana o I Mercado do Maio

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu esta fin de semana a primeira edición do Mercado de Maio, unha iniciativa organizada pola asociación Menais co obxectivo de promover un modo de vida máis respectuoso coa comunidade e o medio natural. Desenvolveuse os días 4 e 5 de maio, e contou con música en directo, un mercado e diversas actividades e obradoiros para toda a familia.

Martes, 16 de abril de 2024
O Concello de Ames presenta os campamentos municipais de verán 2024

Un ano máis, o Concello de Ames presenta a súa programación municipal de campamentos para este verán. A través desta programa ofértanse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolverán en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Ademais, organizaranse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. O prazo de solicitude de praza estará aberto ata o 24 de abril. Farase enviando a ficha de solicitude a través do rexistro telemático da Sede electrónica do Concello, ou presencialmente nos rexistros de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR). Consulta as bases ao completo premendo nesta ligazón.